A República Catalá (catalán: República Catalana) foi un Estado proclamado en 1931 por Francesc Macià como «unha República Catalá dentro da Federación Ibérica». A súa duración foi moi curta, de tres días.

Proclamación

esquerda|miniatura|Proclamación da República na plaça de Sant Jaume de Barcelona. Arredor das 14:30 do 14 de abril de 1931, desde o balcón da casa consistorial de Barcelona, na plaça de Sant Jaume, onde xa ondeaban a bandeira republicana e a senyera, Francesc Macià, líder de ERC, que obtivera un resoante triunfo nas eleccións municipais dous días antes, dirixiuse á multitude concentrada na praza. Proclamou, en nome do pobo de Cataluña, «l'Estat Català, que amb tota la cordialitat procurarem integrar a la Federació de Repúbliques Ibèriques». Así pois, antes de se proclamar a República en Madrid, Macià daba por constituído un Estado catalán e definía a forma de Estado da nova República Ibérica como federal ou confederal. A media tarde Macià dirixíase de novo á multitude, esta vez dende o balcón da Deputación de Barcelona, enfronte do Concello na mesma praza de Sant Jaume, para comunicarlles que tomara posesión do goberno de Cataluña. Afirmou a continuación que «d'aquí non ens trauran sino morts» ('de aquí non nos sacarán senón mortos'). A continuación, asinou un manifesto en que proclamaba de novo o «Estat Català» baixo a forma dunha República Catalá, que pedía aos outros pobos de España a súa colaboración para crear unha «Confederació de Pobles Ibèrics».

Macià comezou de inmediato a exercer o poder e destituíu o capitán xeneral Despujols. Nomeou no seu lugar o xeneral López Ochoa e designou novo gobernador civil de Barcelona o seu compañeiro de partido Lluís Companys. Así mesmo, nomeou os membros do seu goberno, dominado pola ERC, no que incluíu un representante do Partido Republicano Radical e outro do PSOE, pero ningún da Lliga Regionalista (na rúa algunhas persoas berraban «Visca Macià i mori Cambó!»). No goberno tamén había representantes de Unió Socialista de Catalunya e de Acció Catalana Republicana. Macià chegou a ofrecerlle unha carteira á CNT, pero a organización anarcosindicalista rexeitou participar alegando o seu tradicional apoliticismo.

Unha terceira declaración de Macià, por escrito como a segunda, produciuse a última hora da tarde, cando se soubo que a República fora proclamada en Madrid e o rei Afonso XIII abandonaba o país. Nela, despois de facer referencia ao Pacto de San Sebastián, proclamouse «La República Catalana com Estat integrant de la Federació Ibèrica». En realidade, a actuación de Macià ía encamiñada a unha ruptura con España, proclamando a independencia, e a provocar desde unha situación de forza o cumprimento do Pacto de San Sebastián, a concesión inmediata dunha ampla autonomía, que quería federal.

Disolución esquerda|miniatura|244x244px|Francesc Macià O Goberno Provisional da Segunda República Española considerou a proclamación da República Catalá feita por Francesc Macià en Barcelona o 14 de abril como o problema máis inmediato que tiña que afrontar. Así, o 17 de abril tres ministros do Goberno Provisional (os cataláns Marcelino Domingo e Nicolau D'Olwer, máis o socialista Fernando de los Ríos) viaxaron a Barcelona. Entrevistáronse con Francesc Macià e alcanzaron un acordo polo que ERC renunciaba á República Catalá a cambio do compromiso do Goberno Provisional de presentar nas futuras Cortes Constituíntes o Estatuto de Autonomía que decidise Cataluña, previamente aprobado pola Asemblea de Concellos cataláns, así como do recoñecemento do goberno catalán. Este deixaría de chamarse Consello de Goberno da República Catalá para tomar o nome de Generalitat de Cataluña. Recuperouse así o nome tradicional da centenaria institución do Principado que abolira Filipe V nos decretos de Nova Planta de 1714. A nova Generalitat asumiría as funcións das catro deputacións catalás e sería a encargada de organizar unha Asemblea con representantes dos Concellos ata que non fose elixida por sufraxio universal.

Case todos os partidos políticos cataláns aceptaron o acordo. Porén, Estat Català acusou a Macià (o seu antigo líder) de traidor. O Bloc Obrer i Camperol, un grupúsculo comunista recentemente creado, afirmou que o Goberno Provisional de Madrid esmagara «a República Catalá, cuxa proclamación foi o acto revolucionario máis transcendental levado a cabo o día 14».

O 26 de abril o presidente do Goberno Provisional, Niceto Alcalá-Zamora, foi aclamado na viaxe que realizou a Barcelona. Tres días despois o Goberno Provisional aprobou un decreto que estabelecía a legalidade do uso catalán nos parvularios e nas escolas primarias, que foi acollido con entusiasmo. Con todo, axiña se produciu o primeiro conflito entre a Generalitat e o Goberno Provisional. O Ministerio da Gobernación considerou unha invasión das súas competencias o decreto publicado o 3 de maio no primeiro número do Butlletí da Generalitat de Cataluña no que se reorganizaban as institucións da Generalitat e se nomeaban comisarios da mesma en Xirona, Lleida e Tarragona. Un delegado da Generalitat tivo que viaxar a Madrid para delimitar as competencias entre a Generalitat e o goberno central.

O proxecto de estatuto para Cataluña, chamado Estatuto de Núria, foi referendado o 3 de agosto polo pobo de Cataluña por unha abafadora maioría. Na provincia de Barcelona, por exemplo, 175.000 persoas votaron a favor e só 2.127 en contra; había máis de 1.150.000 persoas maiores de 21 anos (idade mínima para votar) no censo da provincia, segundo o INE. Foi presentado ás Cortes Constituíntes polo presidente da Generalitat, Francesc Macià. Porén, o Estatuto respondía a un modelo federal de Estado e excedía en canto a denominación e en canto a competencias o que se aprobou na Constitución de 1931 (xa que o «Estado integral» respondía a unha concepción unitaria, non federal). Con todo, condicionou os debates parlamentarios do «Estado integral» que finalmente se aprobou.

Notas

Vexase tamén

Bibliografía

Categoría:Segunda República Española Categoría:Independentismo catalán Categoría:Historia de Cataluña Categoría:1931