A Agrupación al Servicio de la República (ASR) foi un movemento político español creado en febreiro de 1931 por José Ortega y Gasset, Gregorio Marañón e Ramón Pérez de Ayala con vistas a «mobilizar todos os españois de oficio intelectual para formaren un copioso continxente de propagandistas e defensores da República española», segundo o seu manifesto fundacional publicado no xornal madrileño El Sol o 10 de febreiro de 1931.
Historia Fundación A Agrupación al Servicio de la República non foi creada coa intención de ser un partido, senón un grupo de unión de intelectuais e profesionais con interese en construír un novo Estado. Así, a ASR debe entenderse como unha empresa orteguiana, na liña do artigo «El error Berenguer»,El error Berenguer (texto completo) publicado en El Sol o 15 de novembro de 1930, en que Ortega y Gasset concluía, fronte á crise do réxime da Restauración e da ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera:
Tras a publicación do seu manifesto fundacional en El Sol o 10 de febreiro de 1931 tivo lugar o primeiro acto público da ASR, o 14 de febreiro no Teatro Juan Bravo de Segovia, baixo a presidencia do poeta Antonio Machado. O día seguinte o xefe do Goberno, o xeneral Berenguer, presentou a súa dimisión.
Dado o importante apoio social que conseguiu o chamamento da ASR, esta foise convertendo en partido. O primeiro obxectivo desta era a convocatoria de eleccións constituíntes e a construción dun Estado «autenticamente nacional» integrador de todas as clases de cidadáns.
Eleccións de 1931 Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 a ASR non presentou candidatos, pero pediu o voto para a candidatura republicana. Despois da proclamación da Segunda República Española dous días despois, José Ortega y Gasset eloxiou a tranquilidade coa que o Goberno provisional republicano levara a cabo o cambio de réxime.
En vista ás eleccións constituíntes convocadas para o 28 de xuño, a ASR presentou candidatos dentro da candidatura republicano-socialista. Constituíu un programa de signo liberal no político que incluía as seguintes propostas:
Separación clara dos poderes executivo e lexislativo. Parlamento unicameral elixido polas rexións, asistido por comisións técnicas. Estruturación rexional (pero non federal) do Estado en grandes provincias gobernadas por asembleas e gobernos locais. Estatuto xeral do traballo e sindicación obrigatoria dos traballadores. «Economía organizada», é dicir, certa planificación económica por parte do Estado, en vista á construción dun «Estado social». Separación nítida de Igrexa e Estado.
A ASR conseguiu 13 escanos de deputados nas Cortes Constituíntes: Justino de Azcárate, Alfonso García Valdecasas, Juan Díaz del Moral, Bernardo Giner de los Ríos, José Fernando González Uña, Vicente Iranzo, Gregorio Marañón, José Ortega y Gasset, José Pareja Yébenes, Ramón Pérez de Ayala, Manuel Rico Avello, Juan José Santa Cruz e Publio Suárez Uriarte.
Debate constitucional No debate de totalidade do proxecto da Comisión de Constitución celebrado entre o 27 de agosto e o 9 de setembro de 1931, José Ortega y Gasset interveu como portavoz do grupo parlamentario da ASR para dicir que «o noso grupo sente unha alta estimación polo proxecto que esa Comisión redactou» («hai neste proxecto auténtico pensamento democrático, sentido de responsabilidade democrática», engadiría máis adiante). Porén, a continuación advertiu que «esa tan certeira Constitución foi mechada cuns cantos cartuchos detonantes, introducidos arbitrariamente polo espírito de propaganda ou pola incontinencia do utopismo».Entre eses «cartuchos detonantes» destacou que «para o proxecto a autonomía é algo especial, posto que non a estatúe para todos os españois», senón que responde aos desexos «de dúas ou tres rexións ariscas», o que daría lugar a «dúas ou tres rexións semi-Estados fronte a España, a nosa España». Canto ao resto de rexións, ao afirmar o proxecto, segundo Ortega, que a autonomía só se concedería «a aquelas provincias que posúan características definidas, históricas, culturais e económicas comúns», isto animaríaas a «unha campaña de nacionalismo alí onde até agora non existiu».Juliá (2009), pp. 277-290 Ortega propuxo outra «solución»:
O outro «cartucho detonante» era, segundo Ortega, «o artigo onde a Constitución lexisla sobre a Igrexa», que lle pareceu «de gran improcedencia».
As intervencións de Ortega y Gasset nas Cortes, posteriormente recollidas no libro Rectificación de la República, eran moi esperadas, comentadas e criticadas, en particular cando se expresou sobre o problema da estrutura territorial do Estado e o proxecto de Estatuto de autonomía catalán. Con todo, o partido foi relativamente pouco influente nas Cortes, en parte por causa das declaracións do filósofo, que describía o seu movemento como un grupo de intelectuais metidos en política só por deber e de mala gana.
Disolución Moi pronto, o líder da ASR mostrou o seu desencanto respecto ao novo réxime e ao cariz demasiado extremista que tomaba. O «Manifesto disolviendo la Agrupación al Servicio de la República» foi publicado no xornal Luz o 29 de outubro de 1932. Ortega explicaba nel que a República estaba xa «suficientemente consolidada», polo cal o grupo conseguira o seu obxectivo e disolvíase «deixando en liberdade os seus homes para retirarse da loita política ou para reagruparse baixo novas bandeiras e cara a novos combates».
Os membros da ASR continuaron a súa traxectoria política en distintos partidos. A maior parte pasou ao Grupo Republicano Independente, pero algúns pasaron á Fronte Popular.
Certa falta de claridade e de concreción no proxecto da ASR impediu sen dúbida que a súa mensaxe fose ben entendida pola clase política española e adquirise un amplo respaldo social. A imaxe do partido quedou estreitamente vinculada á personalidade dos seus tres fundadores.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Republicanismo en España Categoría:Partidos políticos desaparecidos de España Categoría:Segunda República Española