Rachel Ann Parton George, anteriormente Dennison, de solteira Parton, nada o 31 de agosto de 1959, é unha cantante estadounidense, e a irmá máis nova da recoñecida Dolly Parton.

Traxectoria Rachel Parton George naceu como Rachel Ann Parton o 31 de agosto de 1959 en Franklin, Tennessee. É a máis nova dos doce fillos da parella conformada por Avie Lee Caroline (de solteira Owens; 1923-2003) e Robert Lee Parton Sr. (1921-2000). Ademais da súa recoñecida irmá Dolly, entre os seus irmáns tamén se atopa a cantante e compositora Stella Parton, e o finado Randy Parton. Como todos os seus irmáns, a George criárona na Igrexa de Deus. De cativa, George disfrutaba de empregar maquillaxe e imitar as súas estrelas favoritas. Deixou a escola despois do oitavo grao (equivalente a segundo da Educación Secundaria Obrigatoria), e foi de xira polo país coa súa familia, con frecuencia axudando ás súas irmás máis vellas coa maquillaxe, e en ocasións como corista.

Carreira profesional Con 15 anos, George actuou en solitario por primeira vez. Durante a súa primeira actuación, lembra, «xa nun principio vin este novo pianista (o pianista Richard Dennison) e souben que era o home que eu quería». Ela e Dennison casaron tres anos despois. Divorciáronse moitos anos máis tarde, e George contraeu segundas nupcias. Richard Dennison foi un membro da banda de Dolly Parton, e grabou con ela ata o seu pasamento.

En 1982, George acadou o seu primeiro e único papel como actriz na versión da comedia de situación 9 to 5, da canle televisiva ABC. Antes da estrea, nunha entrevista para a revista People, dixo: «estou segura que a xente me comparará a Dolly: é a natureza humana». O rol de George, como a secretaria Doralee Rhodes, creárao a súa irmá máis vella no exitoso filme de 1980 co que comparte nome a serie (en inglés). 9 to 5 rodouse con público en directo, e foi coprotagonizada por Rita Moreno e Valerie Curtin. A serie comezara con boas valoracións, pero logo dunha reestruturación (que trouxo a Leah Ayres ao elenco), a canle ABC cancelou a serie tras 33 episodios, en 1983. A comedia demostrou ser popular en futuras reposicións, polo que os produtores decidiron rescatala en 1986. Engadiron a Sally Struthers ao elenco, e cunha renovada popularidade, produciron outros 52 episodios ata o seu eventual remate en 1988.

Durante a retransmisión da serie, George e os seus compañeiros de elenco apareceron nun episodio de Battle of the Network Stars, en 1983. George actuou xunto á súa irmá nun episodio da serie de variedades Dolly. A última aparición de George en cámara foi no episodio de Bravo Profiles, titulado «Dolly Parton: Diamond in a Rhinestone World». Está retirada dende entón do mundo da actuación, e en ocasións canta coas súas irmás.

George e a súa irmá Dolly escribiron en conxunto Good Lookin' Cookin, un libro de receitas baseado nas receitas e comidas que foran parte da infancia das irmás. O libro publicouse no 2024. Acadou o primeiro posto na lista de superventas do New York Times.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Tennessee Categoría:Cantantes dos Estados Unidos de América