José Planas Artés, nado en Barcelona o 14 de abril de 1901 e finado o 9 de abril de 1977, foi un futbolista e adestrador de fútbol catalán. Tras destacar como defensa no FC Barcelona, co que gañou tres Copas do Rei e cinco Campionatos de Cataluña, iniciou unha longa carreira como adestrador, que se estendeu por cinco décadas diferentes. Dirixiu na Primeira División o Arenas de Getxo, o Barcelona e o Espanyol, e numerosos clubs en Segunda e Terceira. Adestrou ata en seis etapas diferentes o Racing de Ferrol, co que gañou tres Campionatos de Galicia e acadou con este club a final da Copa do Xeneralísimo de 1939. Tamén foi seleccionador de Ecuador, combinado ao que dirixiu na Copa América de 1949.

Traxectoria

Como xogador Nacido no barrio barcelonés de Sant Andreu, deixou os seus estudos aos 16 anos para traballar como mecánico axustador. Comezou a xogar ao fútbol no FC Andreuenc e no L'Avenç del Sport, embrións da actual UE Sant Andreu. Debutou co segundo equipo do Andreuenc en 1917 e co conxunto principal ao ano seguinte, e a continuación militou dúas campañas no L'Avenç del Sport, co que se proclamou campión da segunda categoría do Campionato de Cataluña en 1920 e 1921.

En 1921 fichou polo FC Barcelona, no que xogou durante os seguintes seis anos. Foi un dos defensas máis destacados do chamado "Barça da idade de ouro", no que coincidiu con xogadores como Zamora, Samitier, Piera ou Paulino Alcántara, e tamén xogou en ocasións como dianteiro centro.

Conquistou cinco Campionatos de Cataluña e en 1922 gañou a súa primeira Copa do Rei, sendo titular na defensa xunto a Surroca, na final disputada contra o Real Unión no campo de Coia. Repetiu como titular nas finais de 1925 e 1926 e gañou o título ante Arenas de Getxo e Atlético de Madrid respectivamente, formando en ambos casos parella defensiva xunto ao alemán Emil Walter. Foi xogador do Barcelona ata o 31 de xullo de 1927.

Na tempada 1927/28 militou na Unió Esportiva de Sants, do barrio de Sants, na máxima categoría do fútbol catalán, e a continuación marchou a Francia, onde actuou varios meses como xogador-adestrador no Riorges FC, no departamento de Loira.

Como adestrador En xuño de 1928 regresou a Cataluña e por recomendación do adestrador do Espanyol, Jack Greenwell, púxose en contacto co Racing de Ferrol, que estaba buscando adestrador. Así, o 10 de agosto de 1928 asinou ficha co club galego. Con Planas como técnico e xogador, o club ferrolán proclamouse vencedor do Campionato de Galicia por primeira vez na súa historia, rompendo a hexemonía dos clubs de Vigo e A Coruña.

En xullo de 1929 púxose á fronte do Cartegena, co que debutou na nova Segunda División. Pouco despois pasou ao Arenas de Getxo, ao que dirixiu tanto no Campionato de Biscaia como na Primeira División.

En xuño de 1930 regresou ao Racing de Ferrol, onde exerceu de novo a dobre función de xogador e adestrador, sen conseguir reconquistar o título galego. Deixou Ferrol o 30 de xaneiro de 1930, poñendo rumbo a Murcia, onde dirixiu durante un ano ao Real Murcia.

En xaneiro de 1932 colleu as rendas do Celta de Vigo, ao que dirixiu na Segunda División, e co que conquistou un novo Campionato de Galicia na tempada 1931/32.

Tras unha nova etapa no Racing, no verán de 1933 recalou no Deportivo da Coruña. Adestrou o equipo galego coruñés na tempada 1933/34 do certame galego, rematando como subcampión por detrás do Celta, e na primeira parte da campaña da Segunda División, ata que dimitiu o 15 de xaneiro de 1934, sendo substituído polo capitán Fariña.

Tralo seu infrutuoso paso pola Coruña, volveu á Primeira División, poñéndose de novo á fronte do Arenas. Dirixiu o equipo na parte final da tempada 1933/34 e durante toda a seguinte campaña, pero ao remate desta o equipo descendeu á Segunda División.

Na tempada 1935/35 dirixiu o Zaragoza, co que acadou a segunda praza na clasificación da Segunda División. Durante a guerra civil viviu en Galicia, onde adestrou unha vez máis o Racing de Ferrol, conquistando dous novos títulos do Campionato de Galicia. Na primeira Copa do Xeneralísimo trala fin da contenda, levou o seu equipo ata unha histórica final, na que acabou perdendo por 6-2 contra o Sevilla.

Ao remate da contenda volveu á súa Barcelona natal e en marzo de 1940 substituíu ao irlandés Patrick O'Connell no banco do FC Barcelona. Colleu o equipo na penúltima posición da táboa e acabou salvando por pouco o equipo do descenso. Adestrou o Barça durante toda a tempada 1940/41, rematando a liga na cuarta posición.

Na seguinte campaña volveu dirixir o Murcia en Segunda, rematando na segunda posición, e a continuación adestrou de novo o Racing e tamén o Nàstic e o Valladolid. Na tempada 1946/47 dirixiu a súa última tempada na Primeira División, á fronte do Espanyol.

En 1949 puxo rumbo a América do Sur, onde se puxo á fronte da selección de Ecuador, converténdose así no primeiro seleccionador europeo do país. Dirixiu o combinado ecuatoriano na Copa América de 1949 no Brasil, onde só puido sumar unha vitoria contra Colombia. Durante o seu tempo en Ecuador, colaborou co Barcelona de Guayaquil. De volta no seu país, pasou polos bancos de Reus e outra vez o Zaragoza.

Na tempada 1950/51 adestrou por sexta e última vez o Racing de Ferrol, conseguindo o oitavo posto na táboa de Segunda. Nos seus últimos como técnico adestrou en varias ocasións o Sant Andreu, así como a Unión Deportiva Mahón e brevemente o Tenerife, ata que puxo fin á súa carreira en 1963, despois de dirixir dous partidos do Sabadell en Segunda.

Palmarés

Xogador L'Avenç del Sport Serie B do Campionato de Cataluña (2): 1919/20, 1920/21.

FC Barcelona Copa do Rei (3): 1922, 1925, 1926. Campionato de Cataluña (5): 1921/22, 1923/24, 1924/25, 1925/26, 1926/27.

Racing de Ferrol Campionato de Galicia (1): 1928/29.

Adestrador Racing de Ferrol Campionato de Galicia (3): 1928/29, 1937/38, 1938/39.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com Datos do adestrador en losblanquillos.com

Categoría:Nados en 1901 Categoría:Finados en 1977 Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Xogadores do UE Sant Andreu Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores da UE Sants Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Cartagena FC Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Cataluña Categoría:Adestradores de fútbol de Cataluña Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do Cartagena FC Categoría:Adestradores do Arenas Club de Getxo Categoría:Adestradores do Real Murcia Categoría:Adestradores do Celta de Vigo Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Real Zaragoza Categoría:Adestradores do FC Barcelona Categoría:Adestradores do Gimnàstic de Tarragona Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do UE Sant Andreu Categoría:Adestradores do RCD Espanyol Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Ecuador Categoría:Adestradores do CF Reus Deportiu Categoría:Adestradores do Sporting Mahonés Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do CE Sabadell