Cesáreo Rivera Pérez, nado no Carballiño o 9 de marzo de 1940, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista.

Traxectoria Comezou a xogar no Sporting da súa vila natal e despois dun paso polo Santiago fichou polo CD Ourense, por aquel entón na Terceira División. Tras un intento frustrado de fichaxe polo Celta de Vigo ficha polo Sevilla FC na tempada 1960/61. Xogou no equipo sevillano cinco anos a moi bo nivel, chegando a disputar a Recopa de Europa.

No verán de 1965 finalmente ficha polo Celta de Vigo pese a estar este en Segunda División e ter ofertas de equipos de Primeira División coma o Atlético de Madrid.

Co Celta xogou catro tempadas en Segunda División, viviu o ascenso a Primeira, a salvación do descenso na última xornada ante o Deportivo da Coruña e finalmente o debut en competición europea, na Copa da UEFA na tempada 1970/71.

Durante a súa traxectoria no Celta, foi titular e non sufriu ningunha lesión. Tivo unhas boas cifras goleadoras, proclamándose máximo goleador da Segunda División na tempada 1967/68, xunto co tamén celtista Abel Fernández con 17 goles cada un.

Retirouse do fútbol xogando no Celta no ano 1972.

Categoría:Nados no Carballiño Categoría:Nados en 1940 Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes