Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard, coñecida simplemente como Eugenia Osterberger, nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852 e finada en Niza o 8 de febreiro de 1932, foi unha compositora galega do romanticismo. Filla dunha coruñesa e un gravador e litógrafo alsaciano, Eugenia Osterberger pronto amosou interese pola música, aprendendo dende nena a tocar o piano. Anos despois do seu regreso de formarse en Francia casou co enxeñeiro francés Francisco Saunier e instalouse na cidade da Coruña. Na cidade herculina Osterberger mantivo relación non só con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, senón tamén da literatura, como Emilia Pardo Bazán, integrándose na sociedade El Folk-Lore Gallego, que presidía a propia Emilia. Polas súas achegas no campo da música foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega cando esta se fundou en 1906. En 1908 trasladouse coa súa familia á cidade de Niza, onde residiu ata a súa morte.

A súa obra, en boa parte descoñecida, foi publicada pola editorial de Canuto Berea na Coruña (editando obras puramente instrumentais), F. Laurens en París e as editoriais de Benito Zozaya e Casa Dotesio en Madrid. As poucas obras coñecidas da compositora compostelá inclúen obras para piano só e cancións de salón para voz e piano. Ademais de destacar a súa produción musical, Eugenia Osterberger participou en diversas iniciativas de dignificación da cultura galega.

Canto menos durante os anos que residiu na Coruña cómpre salientar tamén a súa actividade pedagóxica, contándose entre as súas alumnas Pilar Castillo, quen logo sería unha pianista recoñecida internacionalmente e que posiblemente ocupou a cátedra de piano en Madrid.

Traxectoria Primeiros anos e formación miniatura|esquerda|Eugenia Osterberger foi bautizada na capela da Corticela, onde anos máis tarde casaría con Francisco Saunier. Prudencia Eugenia Juana Osterberger Luard naceu o 20 de decembro de 1852 en Santiago de Compostela, sendo bautizada ao día seguinte na capela de Santa María a Antiga da Corticela. O seu pai, Jorge Osterberger, era un destacado gravador e litógrafo alsaciano que anos atrás se instalara na cidade da Coruña para traballar co prateiro, gravador e fotógrafo suízo Enrique Luard Falconier. Pouco despois de instalarse na cidade herculina, Jorge Osterberger casou con Emilia Luard Álvarez, filla do seu patrón e de Bernarda Álvarez Gondovia, nada en Monforte de Lemos. O matrimonio tivo dúas fillas: Elisa e Eugenia.

Criada nun ambiente cosmopolita e de sensibilidade artística, tivo acceso a unha formación intelectual e artística máis completa do que era habitual na formación feminina na época. Axiña Eugenia amosou a súa paixón pola música, se ben non se sabe moito da súa primeira formación musical, desenvolvida na súa cidade natal, e antes de cumprir os nove anos tivo o seu primeiro piano, que o seu tío Justo Luard adquirira na tenda do que sería o seu provedor de partituras dende aquela, Canuto Berea. Na elección do instrumento participou o organista da Catedral de Santiago de Compostela Mariano Tafall, que posiblemente fose o mestre da nena. Pola correspondencia entre Manuel Martí e Canuto Berea pode deducirse que Eugenia era alumna de Martí no momento en que a súa familia adquiriu o piano, e que nese momento estaba o suficientemente "adiantada" e tiña cualidades suficientes como para que a súa familia investise unha suma de cartos considerable en mercarlle un piano.

Anos máis tarde, a preocupación por darlle unha educación coidada á súa filla levou a súa familia a mandala estudar á localidade francesa de Juilly (Seine-et-Marne), a uns 30 quilómetros de París, onde uns anos antes o Abade Bautain reabrira unha escola fundada en 1638 e creara o colexio feminino rexido por monxas da orde das Dames de Saint Louis. A súa formación francesa permitiríalle posteriormente gañar o seu sustento, dando clases de francés ou música, sen necesidade de casar.

Profesora de francés e música miniatura|Cualidades de Eugenia comentadas no xornal El Diario de Santiago. Grazas á correspondencia mantida con Canuto Berea sábese que en 1874 regresara a Galicia, vivindo na casa dos seus pais na súa cidade natal e que mercaba partituras no almacén do músico e empresario coruñés. Ao seu regreso adicouse de xeito vocacional á música, e deu clases de francés, como se pode ver nun anuncio publicado no El Diario de Santiago o 19 de outubro de 1875 no que di:

Na mesma páxina, a seguinte nota falaba das outras cualidades de Eugenia, entre as que salientaba ser unha "excelente profesora de piano":

miniatura|esquerda|A Rúa Nova de Santiago de Compostela. No número 4 desta rúa estaba a casa familiar de Eugenia Osterberger. Semella probable, polo tanto, que a súa intención non era unicamente dar clases de francés, senón que xa daba clases de piano, e que procuraba unha independencia económica.

Na súa correspondencia dese ano con Canuto Berea fai alusión á súa delicada saúde. Nunha carta sen datar, pero posiblemente escrita no verán de 1875, sinala que ese ano non podería visitar A Coruña logo de pasar un mal inverno e atopándose moi feble, motivo polo cal os médicos lle recomendarían o aire do campo e se trasladaría a Betanzos. Nesa carta pode apreciarse a súa relación máis íntima coa música, que non era para ela un simple entretemento, xa que nela lle pide un piano de alugueiro e pídelle que de estar conforme co prezo llo envíe axiña, xa que sen el "fico e ficarei sempre un corpo sen alma, un espírito sen alento". Tamén na mesma carta fai referencia a tres obras que estaba a compoñer e que lle enviaría unha vez estivesen finalizadas: unha sonata, un impromptu e un terceto. Os problemas de saúde da compositora serían unha constante ao longo da súa vida. Hai máis alusións á súa delicada saúde na súa correspondencia, como nunha carta dirixida de novo a Canuto Berea tres anos máis tarde, en 1878, na que de novo lle pedía un piano de alugueiro para a súa estadía en Carballo, onde se dirixira para recibir un tratamento termal. Posiblemente a súa situación económica ese ano fose precaria, xa que na carta lle explicaba a Berea que non dera clases ese curso. Aínda que se descoñece que tipo de doenza podía padecer, nunha segunda carta a Berea solicitándolle de novo un piano para a súa estadía en Carballo sinala:

Casamento e traslado á Coruña miniatura|esquerda|Eugenia Osterberger relacionouse con destacadas personalidades da música galega do seu tempo, como Canuto Berea, quen editou tamén obras súas. O 20 de outubro de 1879, dous meses antes de cumprir os 27 anos e xa nun mellor estado de saúde, Eugenia Osterberger casou en Santiago de Compostela, na mesma igrexa na que fora bautizada, co enxeñeiro francés Francisco Saunier Goubard, que daquela traballaba na fábrica do gas compostelá situada nos Agros da Carreira. Pouco despois, en 1880, a parella trasladouse á cidade da Coruña, onde fora nomeado director da fábrica do gas, instalándose inicialmente na rúa do Socorro. O mesmo ano do seu traslado á Coruña naceu Jorge, o primeiro dos fillos do matrimonio. Nesa época os padróns atribuíronlle como profesión "a súa casa" ou "ningunha", como adoitaba pasar coas mulleres casadas, se ben determinados detalles apuntan a que seguiu a dar clases de música a algún alumno amais de aos seus fillos.

Durante os anos que viviu na Coruña, Eugenia Osterberger ocupou un lugar de consideración na burguesía herculina, tanto pola posición económica e social do seu marido como polo prestixio da súa familia materna e a súa propia capacidade, inclinación artística e cultura. A compositora participou activamente na vida cultural e social da cidade e mantivo relación coas familias francófonas aveciñadas na cidade. Na última década do século XIX o seu marido foi nomeado vicecónsul de Rusia, ampliándose o seu círculo de amizades, recibindo con frecuencia na súa casa aquelas persoas que formaban parte do corpo consular establecido na cidade.

Na cidade herculina Osterberger e o seu marido participaron activamente en actividades solidarias mediante donativos económicos ou achegas de obxectos para poxas. A compositora compostelá participou especialmente e de xeito permanente en iniciativas de carácter progresista como as colonias escolares. Posiblemente esta tendencia progresista estea relacionada coa súa propia educación e coa liña do seu círculo familiar, xa que o seu avó materno (Enrique Luard Falconier), o seu marido, e o irmán deste, eran ou foran masóns. De feito, cando a cidade da Coruña decidiu formar un Padroado das Colonias Escolares en 1903, Eugenia Osterberger foi nomeada secretaria nunha directiva na que tamén se encontraban Evi Zacharías como presidenta e Emilia Pardo Bazán como presidenta honoraria.

A Coruña da época tiña unha intensa actividade musical, recibindo periodicamente compañías de ópera italianas, Pascual Veiga fundara El Orfeón Coruñés, Marcial del Adalid volvera a Lóngora, e na cidade tamén residían compositores como José Castro Chané, Francisco Pillado Villamil, ou o propio Canuto Berea, facían posible o desenvolvemento desta arte, popularizada tamén polos concertos ofrecidos polas bandas militares nos Xardíns de Méndez Núñez. Este ambiente supuxo un estímulo para Osterberger, que nunca deixou de adicarse a tocar e a compoñer. Con todo, as convencións sociais da época en relación co punto ao que debían chegar as actividades propias que correspondían a unha muller da condición de Eugenia Osterberger impedían que as súas interpretacións musicais saísen do círculo familiar ou de amizades. Por outra banda, considerábase que os logros compositivos eran máis ben propios dun músico profesional que dunha señora, polo que publicar e estrear as súas obras non se consideraba unha práctica tan ortodoxa.

Sábese que tanto Eugenia Osterberger como o seu home se implicaron de cheo na Liga Gallega, celebrándose en 1898 no seu chalé a entrega do título de socia honoraria da institución a Sofía Casanova, que ademais se aloxou alí xunto coa súa familia. Días despois do acto a Revista Gallega recollía a crónica, na que sinala a participación activa de Eugenia Osterberger ao piano e cantando, salientando a interpretación dalgunha obra propia e o seu talento na interpretación:

miniatura|dereita|Sofía Casanova e Eugenia Osterberger mantiveron unha relación de amizade. Polos títulos das obras mencionadas pode apreciarse a preferencia da compositora pola melodía galega e a música tradicional.

Ese mesmo ano, Sofía Casanova adicoulle o seu poema Al fondear en la Coruña la Escuadra francesa coas palabras:

Eugenia Osterberger continuou a súa actividade compositiva logo do cambio de século, difundíndose a súa obra por outros países como a Arxentina, onde en decembro de 1907 a revista Región Galaica de Buenos Aires agradecía o envío de 25 exemplares da súa obra "Cantigas y melodías gallegas", adicada ao Centro Gallego de Buenos Aires, así como outras obras compostas por ela, entre as cales cita unha "Muiñeira" e unha "Melodía Gallega". Tamén seguiu desenvolvendo unha certa actividade concertística, sempre ligada a fins caritativas. A súa actividade docente na época aparece reflectida na prensa da época, citando como alumna súa Pilar Castillo, que posteriormente sería unha destacada pianista e que en 1904 recibía clases de piano da compositora compostelá.

Canto menos nos últimos anos que permaneceron na cidade, o matrimonio tiña costume de organizar reunións na súa casa nas que ademais de conversar, líase poesía e interpretábase música. Estas reunións foron noticia na prensa da época e a elas asistían destacadas personalidades como o tenor Ignacio Varela.