Miriam Ríos Barreiro, nada na Coruña o 2 de decembro de 1987, é unha exfutbolista galega que xogaba de dianteira e máis tarde de defensa central. Militou durante anos no Orzán e logo no novo Deportivo da Coruña Feminino, ao que capitaneou e co que debutou na Primeira División.

Traxectoria Comezou a súa traxectoria como futbolista federada ós 11 anos, nun equipo de nenos, na canteira do Deportivo Ciudad. Tras esta primeira temporada fichou polo Antares de fútbol sala, no que xogou durante cinco anos. Posteriormente firmou polo Orzán, onde compaxinaba o fútbol sala no Viaxes Amarelle co fútbol campo, ademais de actuar como árbitra.

Na temporada 2007/2008, tras acadar o ascenso de categoría con ambos equipos, deixou o fútbol sala para centrarse na súa carreira no Orzán. En 2010 tivo que abandonar o fútbol temporalmente tras sufrir unha grave lesión no seu xeonllo dereito, quedando afastada dos terreos de xogo durante dous anos. Máis tarde sufriu outra lesión que a mantivo sen xogar outra tempada.

Xa recuperada, volveu en 2014 ao Orzán, onde foi reconvertida polo adestrador Manu Sänchez de dianteira a defensa central.

En 2016, trala absorción por parte do Deportivo do Orzán, Miriam pasou a formar parte do novo Deportivo Feminino. Na temporada 2018-19 acadou o ascenso a Primeira División, aínda que perdeu o derradeiro partido da fase de ascenso por mor dunha lesión. Debido ás súas lesións leva sufrido 3 operacións de xeonllo e a extracción do menisco externo.

Tras recuperarse da súa lesión o día 29 de setembro de 2019 debutou en Primeira División, no emblemático campo de Lezama. Capitaneou o equipo durante esa tempada, na que acadaron un histórico cuarto posto. En maio de 2020, en plena pandemia de COVID-19, anunciou que deixaría o club ao remate da campaña, despois de que a entidade lle comunicase que non renovarían o seu contrato.

Puxo rumbo entón ás Illas Canarias, onde militou durante dous anos nas filas do Real Unión de Tenerife, ata a súa retirada no verán de 2022. A continuación rematou os seus estudos de mestra de Educación Primaria, comezou a estudar Psicoloxía e retomou a arbitraxe.

Equipos TempadaEquipoPaís2007-2016OrzánEspaña2016-2020Real Club Deportivo da CoruñaEspaña2020-2022Real Unión de TenerifeEspaña

Palmarés Deportivo da Coruña Segunda División (1): 2019.

Notas

Categoría:Nados en 1987 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino Categoría:Xogadoras da selección de fútbol de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes