Miloš Zeman nado en Kolín o 28 de setembro de 1944, é un economista e político checo, actual presidente da República Checa.
Carreira política Durante a súa mocidade foi membro do Partido Comunista de Checoslovaquia (1968-1970). Logo militou no Partido Socialdemócrata Checo (ČSSD), e como líder desa formación política foi un dos protagonistas políticos da década de 1990. Logrou que os socialdemócratas fosen a segunda forza tras o Partido Demócratico Cívico (ODS) do primeiro ministro Vaclav Klaus nas eleccións de 1996. Foi presidente da Cámara de Deputados entre 1996 e 1998, ano no que o Partido Socialdemócrata Checo gañou as eleccións parlamentarias acadando entón a xefatura do goberno ata 2002, cando renunciou a presentarse á reelección. O seu goberno procurou facer reformas necesarias para o ingreso na Unión Europea, aprobou o envío de tropas a Afganistán para axudar á intervención norteamericana logo do 11-S, e a nivel económico, malia non frear o aumento do desemprego, logrou reducir a inflación.
Abandonou o ČSSD o 21 de marzo de 2007 debido a conflitos co daquela líder e presidente do partido Jiří Paroubek. En outubro de 2009, fundou o Partido dos Dereitos Civís–Zemanovci (Strana Práv Občanů – Zemanovci, SPOZ).
Xunto a Jan Fischer, Zeman foi un dos dous candidatos máis fortes na primeira elección presidencial directa na República Checa, realizada en xaneiro de 2013. Zeman gañou por unha estreita marxe a primeira volta das eleccións e entrou na segunda volta xunto a Karel Schwarzenberg, elección onde obtivo a vitoria, converténdose no presidente da República Checa. Obtivo a reelección durante as eleccións presidenciais de 2018.
É considerado como un político prochinés e próximo a Vladimir Putin. De feito, segundo Radio Free Europe/Radio Liberty é un dos líderes da Unión Europea máis aliñado co Kremlin. Tamén amosou publicamente a súa simpatía cara Donald Trump. As súas posicións ideolóxicas foron evoluíndo dende o centro esquerda cara postulados cada vez máis conservadores e populistas.
Como xefe do estado amosou contradiccións con respecto a Unión Europea. En 2013 ao chegar á presidencia izou a bandeira da Unión Europea no Castelo de Praga, a súa residencia oficial, e asinou o Tratado que establece o Mecanismo Europeo de Estabilidade, dous xestos aos que se negara o seu predecesor, Vaclav Klaus. Logo do Brexit comentou que Chequia tamén debería ter un referendo para decidir sobre a súa continuidade na UE e na OTAN, aínda que logo cualificou como "un medo irracional" a oposición dos checos á adopción do Euro como moeda. Manifestouse tamén a favor de que a República Checa mudara oficialmente o seu nome a Chequia, considerando a primeira denominación como "fría". Segundo destacaron algúns xornalistas, para Zeman o troco do nome tamén era rematar con parte do legado de Vaclav Havel.
Internamente foi criticado en numerosas ocasións por facer un uso discrecional dos seus poderes como presidente. En 2019 o Senado checo iniciou, por primeira vez na súa historia, un proceso de destitución por acusalo de violar a constitución. Con todo, o proceso non contou co respaldo da Cámara de Deputados, permitindo a Zeman continuar no cargo.
Os seus problemas de saúde fixéronse máis frecuentes durante o seu segundo mandato: doente de diabetes e dunha neuropatía, comezou a desprazarse en cadeira de rodas en 2021. en xuño dese ano, o comité de seguridade do Senado checo afirmou que Zeman era incapaz de cumprir coas súas tarefas. O seu estado gañou relevancia pública en outubro de 2021, pois o día seguinte ás eleccións xerais, o 10 de outubro, tras unha xuntanza co primeiro ministo, Andrej Babiš, tivo que ser ingresado en coidados intensivos no Hospital Militar de Praga. O presidente ten uns poderes basicamente cerimoniais, mais debe encargar a un candidato formar goberno: un rol determinante pois, logo das eleccións, Babiš non contaba cunha maioría sendo superado en voto e escanos pola suma da oposición. Se ben Zeman, antes das eleccións xa anunciara que empregaría as súas competencias para garantir a continuidade de Babiš, o resultado electoral complican a súa vontade, mentres que o seu precario estado de saúde sumou incerteza ao panorama político checo. O día 11 de outubro, deuse a coñecer un parte médico que, sen dar detalles concretos, anunciaba que o estado de saúde do presidente Zeman era estable.
Logo de varios días ingresado, a presidencia fixo público un vídeo de Zeman traballando dende o hospital pero a preocupación sobre se era quen de exercer as súas funcións levou o Senado checo a iniciar o proceso de incapacitación. Paralelamente, informouse de que comezaran investigacións xudiciais para investigar o comportamento do círculo próximo ao presidente ao existir denuncias de omisión do socorro, así como falsificación e usurpación da identidade dun funcionario. A principios de novembro, unha xunta médica declarou que Zeman non podía continuar exercendo os seus poderes de forma total. Días máis tarde confirmouse que mantivera unha conversa telemática cos líderes do Partido Democrático Cívico (ODS) para tratar un posible cambio de goberno. Finalmente, o 9 de novembro de 2021, ofreceu ao líder de SPOLU, a coalición opositora a Babiš, Petr Fiala, pertencente a ODS, a formación do executivo. A designación oficial de Fiala como primeiro ministro foi o 28 de novembro, no acto o presidente Zeman apareceu illado tras uns biombos de protección pois estaba contaxiado de covid-19. A primeira tensión con Fiala foi o rexeitamente inicial de Zeman para nomear a Jan Lipavský como ministro de Exteriores polas súas posicións contrarias a mover a embaixada en Israel, a favor de Taiwán e as dúbidas sobre a cooperación co Grupo de Visegrad, aínda que finalmente acabou aceptando a proposta do novo xefe do goberno.
Non sendo elixible novamente, non concorreu ás eleccións presidenciais de 2023, nelas que resultou escollido Petr Pavel, xeneral retirado, como o seu sucesor.
Controversias En xuño de 2011, Zeman, en referencia ó islam, dixo: «O inimigo é a anti-civilización que se estende dende o norte de África até Indonesia. Dous mil millóns de persoas viven nela». El comparou ós musulmáns que cren no Corán cos nazis antisemitas e racistas. Presentouse unha denuncia na súa contra por mor dos comentarios.Former Czech PM sued over statements on Islam, 8 de xullo de 2011. Posteriormente suavizou os seus comentarios, a través do seu voceiro Jiří Ovčáček, dicindo que persoalmente asumirá o patrocinio sobre o Fondo da Amizade Cristiá Checo-Siria–Zemanovci (FACC–Z). As acusacións de xenofobia e islamofobia volveron cando en 2017 declarou que Bosnia e Hercegovina podería ser a próxima base do ISIS.
As acusacións de xenofobia son frecuentes, por exemplo, por usar unha linguaxe antialemá como nas eleccións presidenciais de 2013 cando chamou ao seu contrincante, Karel Schwarzenberg, alemán dos Sudetes. Tamén polos comentarios que usa para manifestarse contra a inmigración ou polos seus prexuízos sobre os xitanos.
Como presidente da República Checa amosouse solidario cos gobernos de Viktor Orbán en Hungría e do partido Lei e Xustiza de Polonia cuxas medidas resultan controvertidas no resto da Unión Europea. Deste xeito, nunha entrevista en xuño de 2021, cando pretendía defender unha lei húngara que coutaba a información en materia LGTBI afirmou que as persoas transxénero lle resultaban "intrinsecamente noxentas".
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web da Presidencia da República Checa (en inglés)
Categoría:Nados en 1944 Categoría:Presidentes da República Checa Categoría:Primeiros ministros da República Checa Categoría:Políticos da República Checa