Juan María Castro Paz, máis coñecido Xan María Castro, nado en Monelos (A Coruña) o 19 de maio de 1945 e finado o 5 de novembro de 2023, foi un empregado de banca e sindicalista galego.

Traxectoria

Militancia na clandestinidade Comezou a súa actividade profesional como empregado do Banco Central. Ao pouco tempo comezou a militar nas Xuventudes Comunistas e tomou contacto co sindicalismo a través das Comisións Obreiras, que naquela época eran clandestinas. En xullo de 1967, mentres estaba a facer o servizo militar en Parga, prendérono por asociación ilícita e propaganda ilegal e estivo preso e foi torturado no castelo de San Filipe e no cárcere da Coruña. Xulgárono en Madrid en xaneiro de 1970, polo Tribunal de Orde Pública.

Detido en diversas ocasións, volveu ao cárcere sen xuízo tras ser detido nas protestas polo Proceso de Burgos. Durante as súas estadías en prisión realizou dúas folgas de fame.

O seu paso a militar nas CCOO clandestinas deuse máis tarde, preto da celebración da I Asemblea de CCOO de Galicia, en Bastiagueiro (Oleiros), en 1968. Pouco despois, en 1972, foi detido e multado, e despedido do Banco Central; logo atopou traballo no sector do metal, en ITELSA, participada por Telefónica.

Responsabilidades durante a democracia En 1977, o Goberno de Adolfo Suárez legalizou as organizacións sindicais, entre elas Comisións Obreiras (CCOO). En 1978, tras a constitución do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Xan María Castro foi elixido responsable provincial da Coruña. A partir de 1981 pasaría á dirección autonómica do sindicato, coa responsabilidade de secretario de organización.

En 2000, no VII Congreso Nacional, foi elixido secretario xeral de CCOO de Galicia. Revalidou esta responsabilidade no VIII Congreso, en 2004, entre protestas do denominado sector crítico.

En xaneiro do 2009 anunciou que non optaría a un terceiro mandato, e en marzo dese ano, no IX Congreso Nacional, foi substituído polo seu colaborador Xosé Manuel Sánchez Aguión.

Desde o ano 2013 foi presidente da Fundación 10 de Marzo, a fundación do sindicato, e colaborou con diversas entidades, como a Agrupación Cultural O Facho da Coruña. En outubro de 2023, unhas semanas antes do seu falecemento, rendéuselle unha homenaxe pública.

Vida persoal Nos seus últimos anos viviu en Bertamiráns (Ames).

Casou coa mestra Victoria Díaz Cabanela, da que enviuvou en agosto de 2007. Tiveron dous fillos.

Véxase tamén

Ligazóns externas

Vídeo dunha intervención de Xan María Castro, nun acto na Coruña en decembro de 2021, onde fala da represión policial do franquismo.

Notas

Véxase tamén Outros artigos

Comisións Obreiras de Galicia

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1945 Categoría:Sindicalistas de CCOO de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2023