Isabel Ovín Camps, nada en Carmona o 18 de abril de 1887 e finada en 1972, foi a primeira muller en licenciarse en química en España en 1917.
Traxectoria Os seus pais Purificación e Vicente foron mestres. O seu pai morreu cando ela era moi nova. A súa nai converteuse en dama de compañía da Marquesa de las Torres e, posteriormente, das fillas de Gregorio Marañón . Ovín atopou nestes espazos o ambiente axeitado para as súas inquietudes intelectuais. Despois duns anos, volveu a Carmona coa súa nai e esta fundou unha escola. Ovín estudou na Escola Normal Superior de Mestres de Sevilla, onde obtivo matrícula de honor en todas as materias, e continuou en Maxisterio Nacional en 1919, estudos que rematou con matrícula de honra.
Matriculase en Ciencias Químicas na Universidade de Sevilla en 1913, xunto con outras dúas mulleres, nun ano no que se matricularon 152 homes. Ao ano seguinte foi a única muller que continuaría nesa titulación. Despois de rematar os seus estudos en 1917, tiña a intención de viaxar a Madrid para obter a Cátedra, feito que se viu truncado tras a morte da súa nai. Seguiu traballando en Carmona, primeiro como mestra particular e despois no Centro do Arquillo de San Felipe. Na súa carreira como mestra, foi directora do Instituto Murillo de Sevilla entre 1941 e 1945.
Ovín foi a primeira muller concelleira do Concello de Carmona entre 1927 e 1929 e formou parte da Comisión Municipal de Instrución Pública. Escribiu artigos de prensa sobre educación, publicados en La Voz de Carmona (1926-1929). Segundo os seus alumnos, era unha mestra de intelixencia privilexiada. Entre os seus alumnos destaca o bioquímico e farmacéutico Manuel Losada Villasante, gañador do Premio Príncipe de Asturias de Investigación e Técnica. Dolores Roldán, alumna súa, lembrou que lle preocupaba moito a educación das nenas.
Notas
Categoría:Nados en Carmona Categoría:Químicos de España Categoría:Nados en 1887