Sara Suárez Solís, nada en Oviedo no 1925 e finada na mesma cidade o 15 de maio do 2000, foi unha docente, novelista, articulista e feminista asturiana.
Traxectoria Suárez Solís viviu a guerra civil española e a posguerra en Oviedo. Malia as limitacións que sufriron as mulleres durante a ditadura, conseguiu estudar unha licenciatura en Filoloxía Románica na Universidade de Oviedo. Doutorouse en Filosofía e Letras pola mesma institución, cunha tese sobre o uso da lingua na obra de Camilo José Cela.
Posteriormente, foi profesora en diversos institutos asturianos, coma o Instituto Laboral de Tapia de Casariego e o de Luanco, até que logrou a cátedra de Lingua e Literatura, que exerceu en institutos de Tortosa, Vitoria, La Felguera e Avilés.
No 1968, foi destinada ao Instituto Jovellanos de Xixón, que naquel momento era exclusivamente masculino, e do que chegaría a ser directora. Logo, incorporouse á Escola de Formación do Profesorado de Oviedo, xubilándose no 1990.
Xunto co seu labor docente, desenvolveu unha intensa actividade académica e investigadora, así como unha importante creación literaria.
Obra A súa tese de doutoramento constituíu a base do seu libro El léxico de Camilo José Cela (1968). Outras das súas obras académicas son Análisis de "Belarmino y Apolonio" (1978) e Aportación al léxico de Luanco (1983).
No 1978, escribiu a súa primeira novela, Camino sin retorno, que foi finalista do premio Planeta no 1980. Está considerada "un dos máis notables retratos literarios da sociedade española baixo o franquismo".
Entre os seus títulos, destacan Juegos de verano (1982), Un jardín y un silencio (1985), Blanca y radiante (1988), Sonata para doce manos (1996) e Retablo de paseantes (1998).
Feminismo Suárez Solís foi unha convencida feminista, que defendía abertamente as súas ideas. Nas súas palabras: "Gústame o cartel de feminista. Non o busquei. Defendín á muller porque pensei que debía ser defendida".
No seu papel como articulista no xornal asturiano La Nueva España, escribiu sobre cuestións relacionadas co feminismo. Algúns destes artigos, e varios dos seus contos, foron reunidos polo Principado de Asturias no 1991, nunha escolma titulada ¡Mujer, Mujer...!
No 2006, a Tertulia Feminista Les Comadres rescatou cincuenta dos seus artigos polo seu compromiso coa causa das mulleres, xa que "as súas análises da realidade seguen aínda vixentes".
Recoñecementos alt=Rúa Sara Suárez Solís (Oviedo)|miniatura|Rúa Sara Suárez Solís (Oviedo)Pola súa traxectoria feminista e literaria, Suárez Solís recibiu varias distincións institucionais e privadas. En marzo do 1999, a Agrupación Municipal Socialista de Oviedo (AMSO) concediulle o premio Purificación Tomás. Ademais, aprobou nomear a biblioteca do barrio de Pumarín na súa honra. En setembro dese mesmo ano, o Principado de Asturias concedeulle a medalla de prata de Asturias, que non puido recoller por enfermidade. A condecoración foille entregada persoalmente no seu domicilio.
En febreiro do 2000, a Tertulia Feminista Les Comadres, da que foi vicepresidenta, nomeouna Comadre de Ouro especial. Unha praza do barrio de Montevil, en Xixón, leva o seu nome. No ano 2001, constituiuse na mesma cidade unha asociación co seu nome, a Asociación de Mulleres Progresistas Sara Suárez Solís, unha entidade non gobernamental, feminista, laica, progresista e sen ánimo de lucro. O seu obxectivo é contribuír a promover a liberdade e o apoderamento das mulleres.
Entre os premios literarios recibidos pola autora, destacan os seguintes:
Premio de Asturias de novela (1984) pola súa novela Un jardín y un silencio. XXXV Premio Ateneo Cidade de Oviedo de novela curta por Blanca y radiante.
Publicacións El léxico de Camilo José Cela (1968) Camino con retorno (1978) Análisis de «Belarmino y Apolonio» (1978) Juegos de verano (1982) Aportación al léxico de Luanco (1983) Un jardín y un silencio (1985) Blanca y radiante (1988) ¡Mujer, Mujer...! (1991) Sonata para doce manos (1996) Retablo de paseantes (1998)
Notas
Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Profesores de Asturias Categoría:Feministas de Asturias Categoría:Nados en 1925 Categoría:Finados en 2000 Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores de Asturias