Eesti Energia AS é unha empresa pública de enerxía estoniana con sede na cidade de Talín. É a maior empresa de conversión de xisto bituminoso en enerxía do mundo. A compañía foi fundada en 1939 e opera en Estonia, Letonia, Lituania, Finlandia e Polonia. En Estonia a empresa opera co nome de Eesti Energia, pero usa a marca Enefit para as operacións internacionais. A principal materia prima para a produción de enerxía (o xisto bituminoso) extráese de minas situadas no leste de Estonia e que son propiedade da empresa. O grupo Eesti Energia ten tres áreas de operación principais: xeración de electricidade, produción de petróleo de xisto e venda e distribución de electricidade. As súas accións son propiedade do Goberno de Estonia.

Historia Eesti Energia fundouse no ano 1939. En 1998 reorganizouse de empresa estatal a sociedade anónima privada. En 1998-1999, dúas empresas de distribución (Läänemaa Eletrivõrk e Narva Elektrivõrk) foron separadas de Eesti Energia e privatizadas.

En 1995, o Goberno de Estonia iniciou negociacións con NRG Energy, unha filial da estadounidense Northern States Power Company, para crear unha empresa conxunta sobre a base de Narva Power Plants, unha filial de Eesti Energia. Segundo as condicións básicas de venda, acordadas en 2000, NRG Energy ía adquirir unha participación de 49% en Narva Power Plants. Ademais, nese momento, Narva Power Plants tamén posuía unha participación na empresa mineira de xisto bituminoso Eesti Põlevkivi. O acordo proposto tivo unha forte oposición pública e política. O acordo foi cancelado polo Goberno o 8 de xaneiro de 2002 despois de que NRG Energy non conseguise financiamento para o acordo dentro do prazo acordado. O 21 de agosto de 2002, NRG Energy presentou unha demanda en Londres reclamando 100 millóns de libras esterlinas de indemnización polos danos derivados do acordo cancelado; porén, esta reclamación foi rexeitada.

En 1999, o Goberno entregou o 51% das accións de Eesti Põlevkivi a Narva Elektrijaamad, e en 2003 transferiu o 49% restante a Eesti Energia. Ademais, o 51% das participaciones de Narva Elektrijaamad foron transferidas a Eesti Energia e Eesti Põlevkivi pasó a ser unha subsidiaria de propiedad total de Eesti Energia.

No ano 2000 Eesti Energia e a letoa Latvenergo anunciaron un plan para fusionar empresas e crear un novo Baltic Power Group. Con todo, este acordo foi detido debido á lexislación letoa que prohibía a privatización de Latvenergo e ás incertezas arredor do acordo con NRG.

En 2003 Eesti Energia intentou privatizar a distribuidora lituana RST. Aínda que Eesti Energia cumpría os criterios de privatización e era a única licitadora na súa fase final, o Goberno lituano detivo a privatización.

O 1 de decembro de 2005, durante a súa visita a Estonia, o primeiro ministro lituano Algirdas Brazauskas reuniuse co director executivo de Eesti Energia, Sandor Liive, para falar sobre a participación de Eesti Energia no proxecto proposto da central nuclear de Visaginas. O 8 de marzo de 2006, os xefes de Lietuvos Energija, Eesti Energia e Latvenergo asinaron, durante a súa reunión en Ignalina, un memorando de entendemento sobre a preparación para a construción dun novo reactor nuclear en Lituania. Eesti Energia negociou durante seis anos; porén, o proxecto quedou en suspenso tras o cambio de goberno en Lituania a finais de 2012.

En 2006, Eesti Energia comezou a cotizar na bolsa de enerxía Nord Pool Spot coa adquisición da empresa comercializadora finesa Solidus Oy. Ese mesmo ano comezou a vender electricidade en Letonia e un ano despois en Lituania. A empresa iniciou as súas actividades internacionais de xisto bituminoso en 2006. Tamén nese ano creouse a súa filial xordana Oil Shale Energy para o proxecto de desenvolvemento de petróleo de xisto en Xordania. O memorando de entendemento entre Eesti Energia o Goberno de Xordania foi asinado o 5 de novembro de 2006. O acordo de concesión foi asinado o 11 de maio de 2020 en presenza dos primeiros dos dous países, Samir Zaid al-Rifai e Andrus Ansip. En marzo de 2011 a compañía adquiriu o 100% das accións da empresa Oil Shale Exploration Company con sede en Utah.

Para aplicar o terceiro paquete enerxético da UE, o 28 de agosto de 2009 o Goberno decidiu separar e mercar o operador do sistema de transmisión Elering de Eesti Energia. A transacción concluíuse o 28 de xaneiro de 2010.

En 2010, o goberno considerou a oferta pública inicial de accións na Bolsa de Londres; porén, este plan foi aprazado.

O 20 de maio de 2029, anunciouse que Enefit Green, unha filial de enerxías renovables de Eesti Energia, mercaría o 100% das accións da empresa de enerxías renovables Nelja Energia por 289 millóns de euros. Ademais, recibirá máis de 204 millóns de euros de préstamos de Nelja Energia. O acordo foi aprobado e completado en novembro de 2018.

Dende 2019 o 100% das accións de 4Energia pertencen a Eesti Energia, así que a compañía posúe 17 parques eólicos en Estonia e Lituania cunha capacidade total de 287 MW, unha planta de coxeración de biomasa de 3,9 MW de electricidade e 19,2 MW de calor en Letonia e unha planta de pellets cunha produción anual de 140 000 toneladas.

Notas

Véxade tamén Ligazóns externas Web oficial

Categoría:Empresas de Estonia Categoría:Empresas eléctricas