A Orde de Livonia , ou a Orde Livoniana, era unha rama autónoma da Orde Teutónica, formada en 1237. De 1435 a 1561 foi membro da Confederación Livonia.

Historia A orde formouse a partir dos restos dos Irmáns Livonianos da Espada despois da súa derrota contra os samoxitianos en 1236 na batalla de Saule. Foron incorporados aos cabaleiros teutónicos e pasaron a coñecerse como a Orde de Livonia en 1237. No verán dese ano, o mestre de Prusia Hermann Balk chegou a Riga a cabalo para instalar os seus homes como comandantes do castelo e administradores de Livonia.

En 1238, os cabaleiros teutónicos de Livonia asinaron o tratado de Stensby co Reino de Dinamarca. En virtude deste acordo, Dinamarca apoiaría as ambicións de expansión da orde a cambio da Estonia marítima setentrional.

En 1242, a Orde de Livonia intentou tomar a cidade de Nóvgorod. Porén, foi derrotada por Alexandre Nevski na batalla do lago Peipus.

Fortalezas como Paide en terras cedidas por Dinamarca no tratado de Stensby permitiron á orde conter a ameaza das tropas rusas. Por esa razón, a orde centrouse nas súas fronteiras meridionais e en Semigalia.

Semigalia era un territorio estratéxico para a Orde de Livonia. Os lituanos pasaban por Semigalia para atacar asentamentos en Livonia e aproveitaban a capa de xeo invernal no golfo de Riga para chegar á illa de Saaremaa. Ademais, este territorio mantiña a rama livonia da orde teutónica separada da rama prusiana. esquerda|miniatura|Mapa dos territorios dominados pola Orde Livoniana e outros estados. Entre 1237 e 1290, a Orde de Livonia conquistou toda Curlandia, Livonia e Semigalia. En 1298, os lituanos tomaron o castelo de Karkus, ao norte de Riga, e derrotaron a orde na batalla de Turaida, matando ao mestre livoniano Bruno e a 22 cabaleiros. En 1346, a orde comprou o Ducado de Estonia ao rei Valdemar IV de Dinamarca. A vida dentro do territorio da orde descríbese na crónica de Balthasar Russow ( Chronica der Provinz Lyfflandt ).

A Orde Teutónica entrou en decadencia tras a súa derrota na batalla de Grunwald en 1410 e a secularización dos seus territorios prusianos por Alberto de Brandeburgo en 1525, mentres que a Orde de Livonia conseguiu manter unha existencia independente.

A derrota da Orde de Livonia na batalla de Wiłkomierz o 1 de setembro de 1435, que se cobrou a vida do mestre e de varios cabaleiros de alto rango, achegou a orde aos veciños de Livonia. O acordo da Confederación Livonia ( eiine fruntliche eyntracht ) foi asinado en Walk o 4 de decembro de 1435 polo arcebispo de Riga, os bispos de Curlandia, Dorpat, Ösel-Wiek e Reval; os representantes da Orde de Livonia e vasalos, e os deputados dos concellos das cidades de Riga, Reval e Dorpat.

Porén, durante a Guerra Livona, a orde sufriu unha derrota decisiva polas tropas da Rusia moscovita na batalla de Ergeme en 1560. A Orde Livonia buscou entón a protección de Sexismundo II Augusto, rei de Polonia e gran duque de Lituania, que interviñera nunha guerra entre o bispo Guillerme de Riga e os irmáns en 1557.

Despois de chegar a un acordo con Sexismundo II Augusto e os seus representantes (especialmente Mikołaj "o Negro" Radziwiłł ), o último mestre livoniano, Gotthard Kettler, secularizou a orde e converteuse ao luteranismo. Na parte sur das terras dos irmáns, creou o Ducado de Curlandia e Semigalia para a súa familia. A maior parte das terras restantes foron confiscadas polo Gran Ducado de Lituania. O norte de Estonia foi recuperado por Dinamarca e Suecia.

Dos séculos XIV ao XVI, o baixo alemán medio, tal como se falaba nas cidades da Liga Hanseática, foi a lingua establecida, pero posteriormente foi sucedido polo alto alemán como lingua oficial no transcurso dos séculos XVI e XVII.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Irmáns Livonianos da Espada Orde Teutónica

Categoría:Ordes militares Categoría:Cruzadas Categoría:Estados da Idade Media Categoría:Estados da Idade Moderna Categoría:Historia medieval de Estonia Categoría:Historia de Lituania Categoría:Historia de Dinamarca Categoría:Historia de Letonia