A Venera 8 foi unha sonda espacial da Unión Soviética lanzada o 27 de marzo de 1972 mediante un foguete Molniya MVL desde o cosmódromo de Baikonur para estudar a atmosfera e a superficie de Venus.

Características A Venera 8 foi lanzada pola Unión Soviética días antes do lanzamento dunha sonda xemelga que non chegou a abandonar a órbita terrestre e que pasou a denominarse Kosmos 482. Tiña unha masa duns 1184 kg e era similar á Venera 7. A misión principal era o estudo directo da atmosfera de Venus e chegar á superficie para retransmitir datos desde ela, para o cal a nave levaba un módulo de descenso de 495 similar tamén ao de Venera 7, de forma esférica e feita de titanio con materiais compostos para absorción térmica e mecánica, incluíndo nitrato de litio para engadir inercia térmica ao fundirse a 30 °C e absorber calor durante o cambio de fase. As paredes eran menos grosas que as do módulo de Venera 7, construído cun gran marxe de resistencia, ao delimitarse máis a presión que se debía soportar, polo que o do Venera 8 era capaz de resistir ata 105 atmosferas de presión e 500 °C. A sonda levaba un pequeno paracídas de 2,5 m2 no compartimento superior para unha caída máis rápida e pasar menos tempo na atmosfera e de material máis resistente que o de Venera 7 para evitar a súa destrución prematura. O paracaídas tiña un sistema de cordas que facía que inicialmente despregase cunha superficide de 1,8 m2, pero ao chegar a unha temperatura de 200 °C (uns 35 km de altura) as cordas, de vidro de nitrón, se fundisen e o paracaídas se extendese de todo. Como instrumentos de a bordo levaba termómetros de resistencia, barómetros, un altímetro radar, fotómetros, un analizador de amoníaco e un espectrómetro de raios gamma. A sonda alimentábase con baterías e os datos enviábanse directamente á Terra cunha antena de baixa ganancia na banda decimétrica a unha velocidade de 1 bit/s. Dada experiencias anteriores, dotouse a Venera 8 dun sistema adicional de transmisión consistente nun disco cunha antena helicoidal en cada cara que era exectado en caso de que a sonda ao chegar ao solo quedase inclinada coa antena principal apuntando nunha dirección diferente á da Terra. En tal caso un interruptor de gravedade activaría a antena do disco que quedara apuntando cara arriba e transmitiría por aí.

O bus era case idéntico ao de Venera 4, con forma cilíndrica, 3,5 m de alto e con dous paneis solares cunha superficie total de 2,5 m2 e 4 m de envergadura. As comunicacións tiñan lugar medianta unha antena parabólica de 2,3 m de diámetro na parte do cilindro oposto ao dos paneis solares. No extremo dun dos paneis atopábase unha antena cónica omnidireccional. O control de actitude conseguíase mediante pequenos propulsores, usando sensores solares, terrestres e estelares para situarse no espazo. O bus levaba o seu propio conxunto de instrumentos científicos, consistente nun detector de vento solar, un detector de partículas enerxéticas e un espectrómetro ultravioleta.

Instrumentos A cápsula de descenso levaba os seguintes instrumentos a bordo:

Catro termómetros de resistencia. Tres barómetros aneroides. Un barómetro capacitivo. Un altímetro radar de modulación por pulsos. Dous fotómetros de sulfuro de cadmio cun rango de 1 a 10 000 lux. Un analizador de amoníaco. Un espectrómetro de raios gamma.

Desenvolvemento da misión A Venera 8 engalou o 27 de marzo de 1971 a bordo dun foguete Molniya cara Venus, cunha corrección de traxectoria o 6 de abril. O módulo de descenso arrefriouse ata os -15 °C para soportar mellor as altas temperaturas do planeta, separándose do bus o 22 de xullo ás 7:44 UTC e entrando no lado iluminado do planeta, a uns 500 km do terminador, á 8:37 UTC nun ángulo de 77°. Despois do freado atmosférico despregouse o paracaídas a unha altura de 60 km sobre a superficie, acendéndose o sistema de refrixeración da sonda. Venera 8 transmitiu datos durante o descenso desde o acendido dos instrumentos a uns 50 km de altura. A 30 km o paracaídas abreuse completamente, aterrando ás 9:32 UTC e continuando a súa transmisión durante 63 minutos despois de tocar terra antes de fallar polas duras condicións do planeta. O bus transmitiu datos dos seus propios instrumentos ata que entrou na atmosfera.

Resultados científicos Os fotómetros detectaron unha diminución da intensidade da luz dos 35 aos 30 km de altura e velocidades do vento de menos de 1 km/s por debaixo dos 10 km de altura. A sonda confirmou as condicións da superficie, con temperaturas de 470 °C e 90 atm de presión. A intensidade da luz foi diminuindo rapidamente a medida que a sonda caída, pero por debaixo dos 35 km a diminución foi máis lenta, coincidente coa que produciría o dióxido de carbono sen máis, indicando a presenza dun teito de nubes a esa altura. Na superficie a intensidade de luz era suficiente para obter imaxes, cunha luminosidade equivalente a un día nublado na Terra e cunha visibilidade de ata 1 km. No sitio da aterraxe o Sol estaba so a 5° por enriba do horizonte, pero a dispersión é tan forte na atmosfera de Venus que a luminosidade era uniforme en todo o ceo. O espectrómetro de raios gamma detectou un 4% de potasio nas rochas sobre as que aterrou a sonda, 2,2 partes por millón de uranio e 6,5 de torio, unha composición semellante á do granito na Terra. Misións posteriores de cartografía mediante radar confirmarían que a zona de aterraxe é unha rexión de volcáns escarpados, máis antigos que as chairas de lava e basalto que cobren a maior parte do planeta. Desde a Terra mediuse a intensidade de dous ecos de radar da sonda, dos que se deduciu unha densidade de 1,4 g/cm3 do terreo baixo a sonda. O analizador de amoníaco detectou entre un 0,01% e un 0,1% a alturas correspondentes a entre 2 e 8 atmosferas.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Molniya (foguete) KTDU 425A Programa Venera Venera 1 Venera 2 Venera 3 Venera 4 Venera 5 Venera 6 Venera 7 Venera 9 Venera 10 Venera 11 Venera 12 Venera 13 Venera 14 Venera 15 Venera 16 Venera-D

Categoría:Programa Venera