A intervención estranxeira na guerra civil española é o relato do papel que desempeñaron na guerra civil española os diversos países que interviñeron en favor dun dos dous bandos enfrontados. A Alemaña nazi, a Italia fascista e o Portugal corporativista posicionáronse en favor do bando sublevado, mentres que a Unión Soviética e México situáronse en favor do bando republicano. Reino Unido, Francia e Estados Unidos seguiron unha política de «non intervención».

Segundo Enrique Moradiellos, tanto as testemuñas e protagonistas da época (dun ou doutro bando ou máis ou menos neutrais) como as fontes históricas e as análises posteriores coincidiron maiormente nese aspecto. A intervención exterior (en forma armas, municións e combatentes ou mediante apoio financeiro, diplomático ou loxístico) foi un aspecto relevante do conflito e tivo grande importancia tanto no desenvolvemento como no desenlace.

Cando o golpe militar de xullo de 1936 devén nunha verdadeira guerra civil, ambos bandos optan por recorrer á demanda de axuda estranxeira porque carecían dos elementos e equipamentos bélicos necesarios para un combate prolongado e de envergadura. Por iso tivo unha importancia crucial e vital a decisión da Alemaña nazi e da Italia fascista de interviren en apoio das tropas de Franco, o que salvou unha situación moi grave. Isto permitiulle a Franco retomar a iniciativa estratéxica e emprender a ofensiva militar cunha seguridade, vigor e contundencia que xa nunca abandonaría. Do mesmo xeito e con igual carácter crucial e vital, a decisión soviética de acudir en auxilio material da República en outubro de 1936 permitiu a resistencia de Madrid fronte o asedio franquista. Ademais, sostivo con posterioridade a estratexia defensiva do bando gobernamental até a súa caída máis de dous anos despois.

A dimensión internacional da guerra civil española A «guerra de España» (como a chamou a prensa internacional) tivo unha repercusión inmediata nas complicadas relacións internacionais da segunda metade da década de 1930.Aróstegui, 1997, p. 40 En Europa existía unha pugna política, diplomática, ideolóxica e estratéxica a tres bandas entre as potencias democráticas (Reino Unido e Francia), as potencias fascistas (a Alemaña nazi e a Italia fascista) e a Unión Soviética. O «asunto español», xa que logo, foi enfocado por cada Estado europeo desde os seus intereses concretos. Francia e Reino Unido vían que a «guerra de España» podía complicar aínda máis o difícil xogo estratéxico que se desenvolvía a escala europea. Polo tanto, o principal obxectivo da diplomacia deses países foi procurar o illamento do conflito español. A esa táctica obedeceu a primeira das grandes medidas internacionais: o acordo xeral sobre a Non Intervención.Aróstegui, 1997, p. 60

Porén, os réximes fascistas europeos (Alemaña e Italia) e o Portugal salazarista apoiaron desde o principio o bando sublevado, mentres que desde outubro de 1936 a República obtivo o apoio da URSS e das Brigadas Internacionais (tamén recibiu o apoio case simbólico de México). O apoio internacional aos dous bandos foi vital nos primeiros meses. A axuda italo-xermana permitiu que o bando sublevado trasladase o Exército de África á Península a finais de xullo de 1936. Pola súa parte, a axuda soviética contribuíu de modo decisivo á defensa republicana de Madrid en novembro de 1936.Casanova, 2007, pp. 261-262.

A axuda italiana e alemá que recibiu o bando sublevado incrementouse notabelmente a partir de outubro de 1936, cando comezaron a chegar ao bando republicano a axuda soviética e as primeiras Brigadas Internacionais. A partir dese momento, que coincidiu co inicio da batalla de Madrid, a guerra internacionalizouse e con iso gañou en brutalidade e destrución. O territorio español converteuse en campo de probas do novo armamento que estaba a se desenvolver neses anos de rearmamento, previos ao que sería a segunda guerra mundial.Casanova, 2007, pp. 273-274.

A guerra civil española foi considerada en moitas ocasións como o preámbulo da segunda guerra mundial ou como un episodio da «guerra civil europea» que comezou en 1914 coa primeira guerra mundial e concluíu en 1945 co fin da segunda guerra mundial. A guerra civil española foi na súa orixe un conflito interno, pero nunca puido ser só unha loita entre españois ou entre a revolución e a contrarrevolución. Para moita xente, España converteuse no campo de batalla dun conflito inevitábel con polo menos tres contendentes: o fascismo, o comunismo (ou as revolucións socialista, anarquista ou trotskista) e a democracia. Na guerra civil española combateron decenas de miles de persoas procedentes do estranxeiro.Casanova, 2007, pp. 262-263; 279.

Hai un aspecto humanitario da dimensión internacional da guerra civil. A maioría das embaixadas e legacións estranxeiras de Madrid e algúns consulados de capitais de provincia deron asilo político a miles de persoas de ambos bandos que se atopaban en perigo de morte.

A axuda internacional inmediata miniatura|260x260px|Avións italianos Savoia-Marchetti S.M.79 Ante o fracaso do golpe de estado de xullo de 1936 (en canto á toma inmediata do poder), tanto o bando sublevado como o goberno buscaron axuda internacional urxente. O primeiro obtivo axuda rapidamente da Italia fascista e da Alemaña nazi. O mesmo 20 de xullo o xeneral Franco, que se atopaba bloqueado en África e pretendía cruzar o estreito coas tropas coloniais, enviou a Luis Bolín e o marqués de Luca de Tena a Roma a se entrevistaren con Mussolini para que lle proporcionase axuda aérea. O mesmo fixo o xeneral Mola, pola súa banda, que enviou a Antonio Goicoechea, Luis Zunzunegui e Pedro Sáinz Rodríguez. O 30 de xullo aterraban en Nador, no Protectorado español de Marrocos, procedentes de Sardeña nove avións Savoia Marchetti dos 12 concedidos a Franco. Dous deles aterraron por erro en Alxeria, co que o goberno francés soubo que as potencias fascistas estaban a auxiliar o bando sublevado. Mussolini tomou a decisión de responder afirmativamente a petición de axuda do xeneral Franco cando soubo que Hitler ía apoiar a Franco e tras comprobar que Francia e Gran Bretaña non ían intervir.

Aos bombardeiros Savoia-Marchetti S.M.81 o 7 de agosto engadíronse 27 cazas xunto con 5 tanques, 40 metralladoras e 12 canóns, ademais de municións e gasolina. Ademais enviáronse directamente a Mallorca 3 hidroavións e 6 cazas entre o 13 e o 19 de agosto. Así pois, antes de cumprirse o mes do inicio da guerra civil Italia enviara un total de 48 aparellos.

O 23 de xullo chegaron a Berlín outros emisarios de Franco encabezados por Johannes Bernhardt, un comerciante residente en Tetuán e xefe do NSDAP entre a colonia alemá. Entrevistáronse con Adolf Hitler en Bayreuth, quen concedeu inmediatamente a axuda que se lle pedía en avións. Iniciando a Unternehmen Feuerzauber (Operación Lume Máxico), aínda que a operación se fixo a través de HISMA, a empresa que serviu de tapadeira. O 26 de xullo (ou o 29 de xullo, segundo Enrique Moradiellos) chegaron a Marrocos os primeiros 20 avións de transporte alemáns Junkers Ju 52, que se podían converter facilmente en bombardeiros, xunto con 6 cazas Heinkel He 51. O 14 de agosto sumáronse outros 6 cazas He 51 e 2 Ju 52 solicitados por Franco. A finais de mes chegaron 7 aparellos máis, o que fixo un total de 41 avións remitidos por Hitler. Xunto cos 48 enviados por Mussolini foron un total de 89 aparellos.

Con eses avións Franco puido organizar unha ponte aérea coa Península para transportar os lexionarios e os regulares e conseguir a superioridade aérea no estreito de Xibraltar. Así, entre finais de xullo e mediados de outubro de 1936 foron levados á Península máis de 13 000 soldados do Exército de África, ademais de 270 toneladas de material. Por tanto a situación de bloqueo en que se atopaba o Exército de África (a principal forza de combate con que contaba o bando sublevado para tomar Madrid, unha vez detidas as columnas do xeneral Mola na serra de Guadarrama) púidose superar grazas á rápida axuda que recibiu o bando sublevado da Alemaña nazi e da Italia fascista.

Pola súa banda, na madrugada do 20 de xullo o goberno republicano de José Giral solicitou por telegrama a axuda de Francia de «armas e avións», ao que o presidente do goberno da Fronte Popular francés, o socialista Léon Blum, accedeu nun principio. Porén, a tormenta política que montou a dereita francesa cando se filtrou a petición á prensa fíxolle desistir o 25 de xullo de facer efectivo os envíos solicitados. Con todo, o factor fundamental no cambio de actitude do goberno francés de Léon Blum foi a posición británica de «neutralidade» no «asunto español». Reino Unido non apoiaría a Francia se esta se vía involucrada nunha guerra con Alemaña polla súa intervención na Guerra de España. Para Francia era vital o apoio británico en caso de guerra, así que o país, politicamente moi dividido, debía actuar de acordo coas posicións británicas. O Comité de Non Intervención foi unha proposta concreta da propia Francia o 1 de agosto de 1936.

Con todo, cando o goberno francés soubo que Italia estaba a enviar avións de combate (e antes de se reunir o Comité de Non Intervención), enviou a partir do 7 e 8 de agosto 13 cazas Dewoitine D.372 (un décimo cuarto avión estrelouse en Francia e foi entregado en novembro) e 6 bombardeiros Potez 540. Había unha particularidade notábel que contrastaba coas remesas italo-xermanas ao inimigo. Os avións tiveron que ser pagados en efectivo e a prezos moi elevados (non a crédito, como o caso italo-xermano). Ademais, foron entregados desarmados, sen acompañamento de pilotos e persoal de mantemento e sen un mínimo equipamento para armas, como miras, dispositivos de disparo ou portabombas.

Para camuflar a operación, a venda fíxose por mediación dunha axencia comercial ao xornalista español Corpus Barga. Pagouse co diñeiro obtido da reserva de ouro española enviada por avión a París e vendida ao Banco de Francia. O prezo foi un 75 % superior ao que pagaba o exército francés por eses avións, malia estaren desarmados. O 26 de agosto aterraron en Barcelona outros dous bombardeiros desarmados, un Potez 544 e un Bloch MB.210, camuflados como avións de transporte de Air France. Entre o 5 e o 7 de setembro enviáronse 5 cazas Loire 46, tamén desprovistos de armamento.

Desarmados non quería dicir —como pensaban en España— que os avións chegasen coas armas desmontadas e gardadas na fuselaxe, ou que ests fosen enviadas por separado por estrada ou por tren. Os cazas viñan sen metralladoras, soportes para as mesmas, caixas e tremoias de municións, mecanismos de tiro e mecanismos de sincronización (para permitir que as metralladoras montadas sobre a fuselaxe puidesen disparar entre as hélices en movemento) e de visores de artillaría. Os bombardeiros viñan á súa vez sen soportes para bombas, miras e armas defensivas. Todas as peticións do goberno español esixindo a entrega destes materiais esenciais foron rexeitadas. Por iso até o 31 de agosto non houbo ningún avión francés operativo. Nesa data entraron en acción os primeiros dous Dewoitine con dúas vellas metralladoras Vickers, inadecuadas para a súa colocación sobre as ás do Dewoitine.

En conclusión, en contra do afirmado pola historiografía franquista e revisionista, a intervención francesa non precedeu a italo-xermana nin tivo a súa mesma entidade en volume e calidade durante eses primeiros meses cruciais do conflito (89 avións fronte a 21, desde a sublevación até finais de agosto de 1936). De feito, até o comezo da axuda militar soviética a principios de outubro de 1936, a axuda recibida por Franco de Italia e Alemaña superou moito a recibida pola República doutras procedencias.