miniatura|250x250px|Ficha de Antonio Cifuentes en Sachsenhausen. Antonio Eduardo Cifuentes Rodríguez, nado en Vilar de Barrio o 2 de xaneiro de 1908 e finado en Sachsenhausen o 29 de xuño de 1943, foi un refuxiado galego deportado aos campos de concentración nazis.

Traxectoria O seu pai era mestre, natural de Chaguazoso (A Mezquita), e súa nai, Vicenta, naceu en Ourense. Seu pai, Eduardo, foi condenado polos franquistas a cadea perpetua en Ourense, por "adhesión á rebelión" en 1936.

Sábese pouco da súa traxectoria durante a guerra civil española e o exilio. Pertenceu á Compañía de Traballadores Estranxeiros número 63, a disposición do corpo de artillería. Esta CTE formouse o 19 de setembro de 1939 no campo de Septfonds. Pasou por Juzanvigny, nas Ardenas, e cando o exército alemán esmagou o exército francés, retiráronse cara a Cravant, no Yonne. En Sepfonds, coñecido como o "campo dos xudeus" estiveron internados 29.000 republicanos españois desde marzo de 1939. No cemiterio repousan os restos de 81 deles.

Participou en actividades da Resistencia contra a acupación nazi de Francia. Segundo un informe policial datado o 9 de novembro de 1942 en Bordeos, citado no libro Rotspanier: Un miliciano galego no exilio francés 1939-1945, de Juan Galán, foi arrestado xunto a outras 13 persoas, por pertencer a unha célula comunista, e enviados ao Fort du Hâ, no barrio alemán.

Foi deportado a Alemaña desde o campo de tránsito de Compiégne. O convoi saíu o 24 de xaneiro de 1943, con 1557 homes e 230 mulleres, 50 deles españois, morrendo 673 como consecuencia das pésimas condicións da viaxe e do maltrato recibido nos campos nazis.

Ingresou no campo de Sachsenhausen, preto de Berlín, co número 58527, onde morreu.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Finados en 1943 Categoría:Galegos finados en campos de concentración nazis Categoría:Nados en 1908 Categoría:Nados en Vilar de Barrio Categoría:Membros galegos da Resistencia francesa