Para outras leis acerca da cuñaxe e a emisión de moeda, véxase a páxina de homónimos Lei da Moeda

A Lei da Moeda de 1834, aprobada polo Congreso dos Estados Unidos o 28 de xuño de 1834, elevou a relación de peso entre a prata e o ouro que a anterior Lei da Moeda de 1792 establecera en 15:1, para a fixar agora en 16:1, determinando así o prezo de cuñaxe da prata nun nivel por baixo do seu prezo no mercado internacional.Stevens, E. (1971).Leech, E. (1895). "How Free Silver Would Affect Us". En The North American Review. Vol. 161. Nº 464. Páxinas 34-42.

A lei redefiniu a moeda de ouro de 10 dólares, que pasou a conter 232 grans de ouro fino, en comparación cos 247,5 grans da lei anterior, o que levou consigo fixar a base oficial do dólar en 20,69 dólares por onza troy. Este estándar mantívose ata 1933, cando o prezo oficial subiu a 35 dólares como consecuencia da Gran Depresión."Roosevelt's Gold Program. 1933". Federal Reserve History.

O contido de prata pura do dólar de prata mantívose inalterado en 371,25 grans.Leavens, D. H. (1939). Silver Money. Principia Press, Bloomington. Páxinas 20-21.

Contexto e contido O 28 de xuño, o presidente Andrew Jackson asinou a Lei da moeda de 1834, que definiu os pesos das moedas e permitiu ao Tesouro pagar cinco días despois de depositar na Casa da Moeda dos EEUU a cantidade íntegra do ouro, un feito que axilizou o proceso de emisión de moedas deste metal. Esta nova lexislación aprobouse no marco dunha batalla política entre o presidente Jackson e un grupo de altos funcionarios e burócratas liderados por Nicholas Biddle e polos senadores John C. Calhoun, Henry Clay e Daniel Webster, acerca do destino do Banco dos Estados Unidos.O'Leary, P. (1937).

Biddle, o presidente do banco, cría que servía para facilitar o intercambio de bens e pagamentos ao proporcionar unha moeda nacional; con todo, Jackson temía que unha institución tan grande como o banco nacional dos EEUU fose manipulada por financeiros poderosos para explotaren o volátil sistema financeiro da nación.Govan, T. (1958). "Fundamental Issues of the Bank War". En The Pennsylvania Magazine of History and Biography. Vol. 82. Nº 3. Páxinas 305-315. Ademais, argumentou que a Constitución non lle outorgaba ao Congreso o poder de conceder unha carta corporativa que puidese operar fóra do Distrito de Columbia. Xa que logo, no verán de 1832 vetou un proxecto de lei que procuraba renovar a carta corporativa do banco, colocando o acalorado debate sobre o destino do banco nacional no centro da atención política durante a súa campaña de reelección. Logo de acadar comodamente a reelección, Jackson nomeou o seu fiscal xeral, Roger B. Taney, como secretario do Tesouro en 1833.

Taney simpatizaba coa hostilidade que Jackson amosaba cara ao banco nacional e ordenou que todos os depósitos federais se retirasen do banco canto antes, o que restrinxiu severamente a cantidade de préstamos que o este podía emitir, e isto precipitou unha escaseza de crédito a nivel nacional. Cando o Congreso dos EEUU se reuniu en decembro de 1833 na coñecida como a "Sesión do Pánico"), a escaseza de crédito intensificara aínda máis a disputa xa amarga sobre o destino do banco. Mentres os opositores do presidente controlaban o Senado, os seus partidarios na Cámara de Representantes conseguiron impulsar a súa axenda en forma dunha lei de moeda que buscaba minar a circulación dos billetes do Banco dos Estados Unidos en favor da moeda de ouro. O proxecto de lei proposto tiña como obxectivo desvalorizar a prata sobrevalorada —e revalorizar o ouro infravalorado— da que os billetes do banco derivaban o seu valor monetario. Tras meses de redacción e revisión, a Lei da Moeda de 1834 foi aprobada na Cámara de Representantes por 145 votos a 36, e o Senado aprobou a súa versión do proxecto de lei pouco despois.

Relevancia económica e histórica Na primeira metade do século XIX, o diñeiro estadounidense circulaba tanto en moeda metálica como en papel. Segundo establecera a Lei da Moeda de 1792, autorizáronse moedas de prata xos valores de cinco e dez centavos, un cuarto de dólar, medio dólar e un dólar. Logo da Lei da Moeda de 1834, a prata —que anteriormente estaba sobrevalorada en relación co ouro— pasou a estar significativamente infravalorada e foi exportada aos mercados europeos, onde se negociaba a un prezo máis alto.Hayes, H. G. (1933). Isto levou á súa práctica desaparición da circulación despois de 1834.

Malia os intentos de Jackson, de Taney e de membros do Congreso de substituíren a moeda de papel en favor do "diñeiro duro", había máis de mil bancos que seguían a emitir os seus propios billetes con pequenos valores faciais, entre un dólar e dous dólares e medio.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Allen, L. (2009). The Encyclopedia of Money. 2ª ed. ABC-CLIO, Santa Barbara. Páxinas 94-96. ISBN 978-1598842517 Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6 Bureau of the Mint (1904). Laws of the United States Relating to the Coinage. US Government Printing Office, Washington. Hayes, H. G. (1933). "Bimettalism Before and After 1834". En The American Economic Review. Vol. 23. Nº 4. Páxinas 677-679. O'Leary, P. (1937). "The Coinage Legislation of 1834". En The Journal of Political Economy. Vol. 45. Nº 1. Páxinas 80-94. Stevens, E. (1971). "Composition of the Money Stock Prior to the Civil War". En Journal of Money, Credit, and Banking. Vol. 3. Nº 1. Páxinas 84-101.

Véxase tamén

Lei da Moeda

Ligazóns externas

Publicación orixinal do texto da Lei da Moeda de 1834

Categoría:Leis Categoría:Dereito nos Estados Unidos de América Categoría:Moedas dos Estados Unidos de América