O Partido Comunista de Escocia (CPS; en gaélico, Pàrtaidh Co-Mhaoineach na h-Alba) foi un partido político comunista con sede en Escocia. Foi fundado en xaneiro de 1992 por antigos membros do Partido Comunista de Gran Bretaña (CPGB )que non estaban de acordo coa disolución e reforma do CPGB en 1991 e o achegamento ás ideas da New Left ou Nova Esquerda. O partido foi disolto a finais da década de 2010.
Historia O CPS foi fundado a mediados de xaneiro de 1992, por antigos membros do CPGB que non estaban de acordo coa disolución do partido. A sede do partido na súa fundación estaba en Partick, Glasgow.
Membros destacados do CPGB en Escocia uníronse ao novo partido, incluíndo Mick McGahey, que fora un membro destacado do Sindicato Nacional de Mineiros nas décadas de 1970 e 1980, e o ex secretario xeral do CPGB, Gordon McLennan. Willie Clarke, concelleiro do CPGB en Fife desde 1973 e único comunista elixido no Reino Unido, uniuse ao CPS, pero exerceu como concelleiro independente ata a súa dimisión por motivos de saúde en 2016.
A diferenza do Partido Comunista Británico (CPB), que se separou do CPGB en 1988, o CPS apoiou a independencia escocesa e iniciativas proindependentes como a Convención pola Independencia Escocesa (SIC) e Independencia Primeiro. En 2007, o CPS publicou un panfleto de debate titulado Perspectives for Scottish Independence (en galego: Perspectivas para a Independencia Escocesa) con contribucións de Eric Canning, Maggie Chetty e Rhona Fleming. En 2008, o CPS organizou unha conferencia destinada a "unir a esquerda en Escocia en torno a unha serie de posicións políticas compartidas sobre a independencia escocesa".
Canning morreu en decembro de 2017 mentres ocupaba o cargo de secretario nacional do CPS. O Partido Socialista de Escocia rendeu homenaxe ao seu "compromiso inquebrantable coa causa do socialismo e a independencia".
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Partidos políticos de Escocia Categoría:Partidos comunistas