Tamara Abalde Díaz, nada en Ferrol o 6 de febreiro de 1989, é unha ex xogadora de baloncesto galega. Mide 1,91 e xoga de ala-pivote no Durán Maquinaria Ensino e na selección española. É filla do ex xogador Alberto Abalde Rodríguez e irmá do tamén xogador Alberto Abalde Díaz.
Traxectoria Filla do ex xogador de baloncesto Alberto Abalde, naceu en Ferrol na época na que seu pai xogaba no OAR Ferrol, da ACB. Iniciouse no baloncesto con 8 anos, no Club Compañía de María de Vigo, no que xogou entre 1998 e 2003. Tras pasar polo San José de la Guía, onde tivo como adestrador ao seu pai, recalou nas categorías inferiores do Celta de Vigo en 2003. O 12 de outubro de 2004 debutou co primeiro equipo do Celta, nun partido da Liga Feminina contra o Ros Casares, con 15 anos, 8 meses e 4 días, sendo naquel momento a debutante de menos idade na historia do club.
Xogou no club vigués ata o verán de 2007, momento no que marchou para os Estados Unidos para estudar mercadotecnia na Universidade de Lamar, no Estado de Texas, e para xogar no seu equipo de baloncesto. Xogou só unha tempada no club norteamericano, co que foi campioa da Southland Conference, sendo elixida mellor debutante do ano e entrando no equipo ideal da conferencia.
Ao seu regreso dos Estados Unidos recibiu ofertas de numerosos equipos, fichando finalmente polo Ros Casares de Valencia. Nas dúas seguintes campañas xogou cedida no Rivas Ecópolis, de Rivas-Vaciamadrid, co que acadou dous terceiros postos na Liga Feminina e debutou en competición europea. En xuño de 2010 desvinculouse do Ros Casares e asinou un contrato co Rivas. Con todo, seis meses despois rescindiu o seu contrato co equipo madrileño e fichou polo Obenasa Navarra.
En maio de 2011 marchou a Francia, onde xogou dúas tempadas, no Pays d'Aix Basket 13 primeiro, e no Basket Landes despois. En 2013 volveu a España, fichando polo Perfumerías Avenida, co que gañou dúas Copas da Raíña, e dúas Supercopas de España, ademais de acabar dúas veces subcampioa da liga.
Na tempada 2015/16 xogou no Cadí La Seu catalán, ano seguinte no CREFF ¡Hola! madrileño e na 2017/18 no Stadium Casablanca de Zaragoza. En 2018 fichou polo Valencia Basket, que acababa de ascender á máxima categoría, e co que acadou as semifinais da liga na súa primeira tempada. Despois dunha segunda campaña no equipo valenciano, fichou en 2020 polo Araski vasco.
Despois dunha tempada en Vitoria, fichou polo Durán Maquinaria Ensino, regresando a un equipo galego 14 anos despois.
O 3 de febreiro de 2023, tras case 20 anos coma xogadora de baloncesto, anunciou a súa retirada.
Seleccións nacionais
Selección española Foi internacional coa selección española dende as súas categorías inferiores, coas que debutou con 14 anos. Gañou dous Europeos sub-16 (2004 e 2005), un Europeo sub-18 (2006), e foi subcampioa do Europeo sub-18 de 2007 e do Europeo sub-20 de 2009. No Europeo sub-16 de 2005, que se disputou en Polonia, foi elixida no quinteto ideal do torneo, no que tivo unha media de 12,3 puntos e 8,3 rebotes.
En 2008 debutou coa selección absoluta e ese mesmo ano viaxou á China para disputar os Xogos Olímpicos de Pequín. Regresou da cita olímpica cun quinto posto e o correspondente diploma olímpico. Ao ano seguinte disputou o seu primeiro Eurobasket absoluto, logrando a medalla de bronce. Dez anos despois disputou o seu segundo Eurobasket, logrando a medalla de ouro tras derrotar na final a Francia en Belgrado.
En 2021 participou nos Xogos Olímpicos de Toquio, 13 anos despois da súa anterior participación olímpica. Conseguiu coa selección tres vitorias nos tres partidos da fase de grupos, contra Serbia, o Canadá e Corea do Sur, caendo nos cuartos de final contra Francia nun apertado final (64-67).
Selección galega Como membro das categorías inferiores da selección de baloncesto de Galicia acadou o bronce e foi incluída no quinteto ideal no campionato de Lloret de Mar (2003), e foi elixida mellor pasadora en Santiago de Compostela (2004).
En xuño de 2006, con só 17 anos, liderou á selección de baloncesto de Galicia absoluta no seu debut contra o Xapón nas Travesas.
Palmarés miniatura|A cidade de Vigo ós seus atletas. Perfumerías Avenida
Copa da Raíña (2): 2014, 2015. Supercopa de España (2): 2013, 2014.
Selección española
Eurobasket (1): 2019. Eurobasket sub-16 (2): 2004, 2005. Eurobasket sub-18 (1): 2006.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Galegos nos Xogos Olímpicos de 2020
Ligazóns externas Ficha de Tamara Abalde en MueveteBasket.es . Ficha de Tamara Abalde no sitio web oficial da Federación Española de Baloncesto .
Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Nados en 1989 Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Ala-pivotes de baloncesto Categoría:Xogadores de baloncesto olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2008 Categoría:Xogadores de baloncesto nos Xogos Olímpicos de 2020