Demetrio Fernández González, nado en El Puente del Arzobispo (Toledo) o 15 de febreiro de 1950, é un bispo católico español. Dende 2010 ocupa a cátedra de Córdoba.

Biografía Sacerdocio Ingresou no Seminario de Talavera de la Reina e posteriormente no Seminario Menor de Toledo. Cursou os estudos superiores no Seminario Maior "San Ildefonso" de Toledo e no Seminario de Palencia.

Foi ordenado sacerdote o 22 de decembro de 1974 en Toledo, polo cardeal arcebispo de Toledo Marcelo González Martín. Foi coadxutor de “El Buen Pastor” en Toledo entre 1974 e 1977, e capelán do Colexio Vedruna en 1976. Posteriormente cursou estudos en Roma entre 1977 e 1980, no Colexio Español, onde obtivo a Licenciatura en Teoloxía Dogmática pola Pontificia Universidade Gregoriana. Episcopado O 9 de decembro de 2004 foi designado bispo de Tarazona polo papa Xoán Paulo II, recibindo a consagración episcopal de mans de Manuel Monteiro de Castro o 9 de xaneiro do seguinte ano no Mosteiro de Veruela.

Logo de cinco anos de servizo na diocese aragonesa, o papa Bieito XVI nomeouno Bispo de Córdoba o día 18 de febreiro de 2010 en substitución de Juan José Asenjo, tomando posesión do cargo o 20 de marzo do mesmo ano. Porén, seguiu vencellado coa diocese ao ser designado administrador apostólico de Tarazona, cargo que mantivo até a designación de Eusebio Fernández Sola como bispo, en 2011.

Controversias Durante a celebración da misa pola Festa da Sagrada Familia o 26 de decembro de 2010 na Catedral de Córdoba, o bispo deu unha homilía na que condenou as ameazas que, ao seu xuízo, atacaban á familia, centrándose en cuestións como o aborto ou o divorcio. Da súa homilía transcendeu aos medios de comunicación unha afirmación que o bispo atribuíu ao cardeal Ennio Antonelli, segundo a que "a UNESCO ten programado para os próximos vinte anos que a metade da poboación sexa homosexual"., . .

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en Catholic Hierarchy

Categoría:Bispos católicos de España Categoría:Nados en 1950 Categoría:Nados na provincia de Toledo Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Gregoriana Categoría:Bispos da Igrexa católica latina