A Asociación folklórica e cultural Orballo é unha asociación cultural de Pontedeume que centra as súas actividades na recuperación e espallamento de festas, danzas e tradicións de Pontedeume e comarca, con referencia ao patrimonio lingüístico, antropolóxico e cultural galego, e a súa difusión e defensa do idioma galego. É membro da Federación de Asociacións de Coros e Danzas de España, FACYDE.

Traxectoria Foi fundada en 1979 e desde entón mantén unha escola de baile. En 1982 sumáronselle as escolas de gaita e pandeireta. Froito destas tres escolas son os grupos de baile, que xa teñen actuado en Galicia, no resto de España (Madrid, Zaragoza, Asturias) e Europa (Portugal, Francia, Suíza, Italia), o grupo de gaitas, e o grupo de pandeiretas chamado Ardora que busca a recompilación de cancións populares antigas e se recoñecen polo uso de antigos instrumentos coma son culleres e pandeiros, amais da pandeireta.

No repertorio dos distintos grupos inclúense todo tipo de danzas, música e cancións do folclore galego tradicional. Teñen un vestiario de gran vistosidade con algúns traxes elaborados con teares orixinais de principios do século XX e deseñados seguindo as tradicións máis antigas da comarca eumesa. No ano 1985, e tras dous anos de investigación, recuperan a Danza de Arcos ou do Biouteiro, que se bailaba ata principios do século pasado.

En febreiro de 2013 a asociación publicou un disco feito por membros da asociaciónNova da presentación do disco de Orballo.

As compoñentes do grupo Faltriqueira formáronse en Orballo.

Actividades As principais actividades organizadas pola asociación son o Día da Muiñeira desde 1984 e o Festival Folklórico Internacional desde 1988. Neste festival participaron desde o seu inicio grupos folclóricos de tódolos continentes.

Outras actividades son a Festa da Cabaza, o Magosto, o Día da Árbore e a celebración do Día das Letras Galegas.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web de Orballo. Artigo sobre Orballo no libro das Festas das Peras do ano 2008. DL 3141-2008.

Categoría:Asociacións culturais de Galicia Categoría:Pontedeume