Jorge Valín Sánchez, nado na Coruña o 7 de xaneiro de 2000, é un exfutbolista galego, que xogaba de lateral dereito.

Traxectoria No verán de 2014 foi fichado polo Deportivo da Coruña procedente do Victoria CF, incorporándose ao equipo cadete B da Liga Galega. Chegou ao Deportivo como extremo atrasando máis tarde a súa posición ata o lateral dereito. Na tempada 2017–18, sendo aínda xuvenil, debutou co Fabril en Segunda División B, na oitava xornada do campionato, nunha vitoria fronte o Real Valladolid Promesas en Abegondo (1–0).

O 31 de maio de 2019 renovou o seu contrato por dúas temporadas con opción de ampliación.

O 13 de outubro de 2019 debutou co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, nun partido de Segunda División contra a UD Las Palmas. Foi no Estadio de Gran Canaria e xogou o partido completo. Tras o descenso do Deportivo á Segunda B, Valín ascendeu definitivamente ao primeiro equipo para a tempada 2020/21, levando o dorsal número 2. Disputou un total de 13 encontros de liga e debutou na Copa do Rei, nun encontro fronte ao Alavés.

Ao remate da competición tivo que pasar polo quirófano para operarse dun problema na cadeira. A recuperación durou máis do esperado e non estivo plenamente recuperado ata decembro. Ao seu regreso ao equipo, a dura competencia polo posto, con ata tres laterais dereitos máis (Víctor García, Trilli e Alberto Benito), impediu que chegase a debutar na nova Primeira División RFEF, polo que en xaneiro saíu cedido ao Cornellà, da Segunda División RFEF. Co equipo catalán loitou pola permanencia e disputou un total de 13 partidos, 5 deles como titular.

Ao remate da tempada desvencellouse do Deportivo, despois de oito anos no club, e asinou polo Numancia, da mesma categoría. Co equipo soriano disputou 35 partidos, 23 deles como titular, pero acabou descendendo ao remate da tempada. Tras uns meses sen equipo, en decembro de 2023 asinou contrato co La Nucía, da Segunda División RFEF. Con este club disputou sete partidos, sufrindo un segundo descenso consecutivo ao remate da liga.

Na tempada 2024/25 militou no Santa Coloma, da Primeira División de Andorra. Disputou 14 partidos, 8 deles como titular, e anotou o primeiro gol da súa carreira, diante do Penya Encarnada.

En xullo de 2025 regresou a Galicia e fichou polo Compostela, que viña de descender á Terceira Federación. No conxunto compostelán disputou un total de 34 encontros, marcando dous goles e conseguindo o ascenso trala promoción. A continuación anunciou a súa retirada como futbolista con só 26 anos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en transfermarkt.es

Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UE Cornellà Categoría:Xogadores do CD Numancia Categoría:Xogadores do CF La Nucía Categoría:Xogadores da SD Compostela