Iñaki Aldekoa Azarloza, nado en Amorebieta (Biscaia) en 1940 e finado o 8 de abril de 2021, foi un enxeñeiro químico e político vasco de ideoloxía independentista. Foi elixido parlamentario foral de Navarra nas eleccións de 1979 e 1983 por Herri Batasuna, de cuxa Mesa Nacional formou parte. Tamén foi elixido nas eleccións xerais españolas de 1986 como o primeiro parlamentario navarro no Congreso dos Deputados representando a devandita coalición.
Traxectoria política A súa traxectoria política iniciouse na clandestinidade, cando se afiliou ás mocidades nacionalistas de EGI. Como consecuencia desa militancia, pasou un ano na prisión de Larrínaga (Bilbao). Baixo a influencia das lecturas de José Ramón Recalde, membro da Fronte de Liberación Popular (máis coñecido por FELIPE), e desconforme coas actuacións de Euskadi Ta Askatasuna (ETA), pasou a ETA Berri, organización da que se desvinculou axiña ó considerala españolista.
Posteriormente ingresou en ELA-Movemento Socialista de Euskadi, onde desenvolveu toda a súa militancia até a transición política española, trala morte de Franco.
En 1977, foi elixido secretario xeral do novo Partido Socialista Vasco (ESB-PSV), formado a partir dunha escisión do sindicato ELA-STV e que sería un dos catro partidos que formaron a coalición Herri Batasuna (HB).
Foi parlamentario foral de Navarra en 1979 por HB, de cuxa Mesa Nacional formou parte, resultando reelixido nas eleccións do 8 de maio de 1983. En marzo de 1982 foi xulgado por asistencia á banda terrorista ETA, permanecendo no cárcere de Alcalá de Henares durante tres anos (1983-1985). En 1986 foi elixido deputado no Congreso español, o único escano obtido por HB en Navarra.
Participou nas frustradas conversacións de Alxer entre o Goberno español e ETA (1986-1989) e pasou a residir en Chile, onde acolleu con desánimo a nova do fin do alto ao fogo de ETA xa que consideraba «inviable calquera proceso de liberación dun país por vía armada» e que había que acoller «as vías claramente políticas e en consonancia co contexto xurídico e legal internacional».
Este enfoque crítico con ETA levouno a ingresar no partido político Aralar, de cuxa Comisión Executiva Nacional e Comisión Executiva de Áraba foi membro, ademais de representante electo nas Xuntas Xerais de Áraba.
Notas
Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Políticos de Navarra Categoría:Políticos de Herri Batasuna Categoría:Políticos de Aralar Categoría:Nados en Amorebieta-Etxano