David Pazos Fuentes, nado en Ames o 21 de novembro de 1993, é un xogador de fútbol sala galego, que xoga como ala no Noia Portus Apostoli, da Primeira División.

Traxectoria Formouxe como xogador de fútbol sala na canteira do Lobelle, no que ingresou con 12 anos. Na tempada 2010/11 debutou co primeiro equipo na Copa Galicia, e con só 17 anos xogou o seu primeiro partido na Primeira División, da man do adestrador Tomás de Dios. Axiña se converteu nunha peza importante do equipo santiagués, co que xogou tres campañas na máxima categoría.

En xuño de 2014 fichou polo Inter Movistar. Alí compartiu equipo con destacados xogadores como Ricardinho, Rafael Rato, Fernando Cardinal ou o tamén galego Pola, gañando tanto a liga como a Copa do Rei, e contribuíu con 17 goles en 45 partidos. Na tempada 2015/16 xogou cedido no Ribera Navarra, antes de regresar ao Inter e gañar tres novos títulos na mesma campaña (liga, Copa de España e Liga de Campións).

En 2017 fichou polo Palma Futsal, onde xogou un ano, regresando a continuación dous anos ao Ribera Navarra.

No ano 2020 regresou a Galicia, fichando polo Burela. Militou no club da Mariña durante tres anos, os dous primeiros na Primeira División e o último na Segunda, despois de perder a categoría en 2022. Na categoría de prata, David Pazos proclamouse máximo goleador da competicón, con 37 goles en 35 partidos, e foi elixido mellor xogador da liga. En xuño de 2023 asinou como novo xogador do Noia, volvendo así á Primeira División.

Selección española Debutou coa selección española o 15 de setembro de 2014, nun partido ante Romanía en La Nucía.

Palmarés Inter Movistar Primeira División (2): 2014/15, 2016/17. Copa de España (1): 2017. Copa do Rei (1): 2015. Liga de Campións (1): 2016/17.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador na LNFS .

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Ames Categoría:Futbolistas de Ames Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia